Raimundo González fai balanzo de dous meses de continua actividade na cidade de Pontevedra

36

Pontevedra vén de pechar co Campionato de España de Triatlón, dous meses de continua programación festival, cultural e deportiva que permitiron dar un importante pulo económico á cidade e, ao tempo, consolidar o que se pode considerar como unha auténtica macrocampaña de promoción. Así o considera o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González Carballo, quen fixo estas declaracións ao remate da Xunta de Goberno Local celebrada este luns.

A programación comezou o 11 de xullo coas festas de Verán e continuou, sucesivamente, coa Feira Franca e varios eventos deportivos de grande importancia, que culminaron esta fin de semana  coas probas do Campionato de España de Triatlón. Esta última proba supuxo a estancia durante dous días de preto dun milleiro de persoas entre deportistas das distintas categorías e modalidades e os seus respectivos acompañantes.

Todo isto tivo unha repercusión económica moi positiva, tanto para os hosteleiros, que estes días recoñecían os altos niveis de ocupación neste mes de setembro, e a hostalería local. Algo que ten a súa importancia nunha cidade de servizos e con vocación de referenciarse como destino turístico.

Raimundo González dixo que non é momento de lembrar os balanzos das festas da Peregrina, pero esta fin de semana a cidade volveu estar ateigada co tirón popular do triatlón. Ao tempo, lembrou a aposta pioneira que o Concello de Pontevedra fixo xa o ano pasado por traer a Galicia a Volta Ciclista a España.

 

KIOSKO DA PRAZA DE BARCELOS

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a concesión da licenza urbanística para a execución da obra de mellora nos kioskos da praza de Barcelos. As obras, cun orzamento de 6.426,18 euros e un prazo de execución de seis meses, van ser executadas pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami).

O Concello asinou un convenio con Cogami o pasado mes de febreiro polo que se lle outorgou a concesión de varios kioskos en diversos puntos do centro urbano, entre eles o da praza de Barcelos.

As obras consistirán nunha limpeza e optimización interior das instalacións, con substitución da carpintaría exterior.

A Xunta de Goberno Local tamén acordou a caducidade do procedemento polo que se desistía do contrato de servizos para a realización do proxecto arquitectónico do Museo da Historia na praza de Valentín García Escudero.

Finalmente, outorgáronse varias licenzas urbanísticas e quedaron informadas as solicitudes de cualificación provisional de tres veciños de Pontevedra diante do Instituto Galego da Vivenda e Solo no marco do Plan Renove, que xestiona o portelo único da oficina municipal de vivenda. O plan subvenciona obras en materia de melloras enerxéticas, medioambientais ou en materia de accesibilidade.