O colexio de Barcelos estrea nova imaxe na súa entrada principal

88

Un pórtico construído en aluminio e vidro preside dende hoxe a entrada principal ao colexio de Barcelos. A mellora foi realizada pola Concellería de Educación, despois de que a finais do ano pasado se detectaran perigosas fendas na estrutura de formigón e tixolo que cubría a porta do centro.
Co alivio de saber que xa non existe perigo de desprendementos, o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, visitou hoxe o resultado das obras, que tiveron un orzamento de 6.016 euros e foron realizadas aproveitando as vacacións escolares de verán. Con anterioridade, durante as vacacións de Nadal, procedeuse xa á demolición da anterior estrutura.
Agustín Fernández destacou que entrada goza dunha incuestionable mellora estética, pero, moito máis importante, resulta a mellora na seguridade, pois os técnicos municipais estaban preocupados.
A execución das obras durante a actividade escolar presentaba riscos e molestias e por iso optouse por acometela entre xullo e agosto. Hoxe, mentres os primeiros pais e nais acudían ao Concello a realizar algúns trámites, estreouse a nova estrutura.
A entrada foi realizada con placas dobres, tipo “sandwich”, de aluminio colocadas sobre columnas metálicas rematadas na mesma cor e acabado. Para evitar a entrada de choiva e minimizar o impacto do vento, colocáronse láminas de vidro na parte superior.
A actuación no colexio de Barcelos forma parte das obras realizadas durante este verán pola Concellería de Educación nos colexios Xunqueira I, Manuel Vidal Portela, Campolongo, Villaverde e Froébel cun importe superior aos 100.000 euros. Todas elas eran actuacións que implicaban algún tipo de risco para os alumnos e que foron aprazadas ata o cese da actividade docente. O concelleiro de Educación destaca que todas elas están rematadas, polo que no comezo do curso non haberá perigo ou molestias derivados de actuacións municipais.