Éxito de público nas festas do verán de Pontevedra

28

A concelleira de Festas, Carme da Silva destacou esta mañá que as festas do verán de Pontevedra, que comezaron o pasado 11 de xullo co San Bieito e remataron este sábado coa Feira Franca, destacáronse pola "súa enorme participación en todas as actividades". Asegurou que tivo unha especial acollida as novidades que se introduciron para esta edición como eliminar o concurso do Ricardo Portela e a súa situación ou a introdución dos Cantos de Taberna.

Tal foi a boa acollida, que a Concellaría de Festas aposta por "incidir nelas en próximas edicións porque promove a participación de grupos de Pontevedra e de todas as persoas que gozan das festas".

Carme da Silva destacou o factor de dinamización económico das festas, especialmente na hostalería e no comercio. Apuntou á importancia da creación de postos de traballo durante as festas. De feito, o Concello realizou durante estes meses 112 contratos con empresas, maioritariamente de Pontevedra.

Sobre a Feira Franca, Carme da Silva destacou a "enorme participación". E chamou especialmente a atención á "participación de máis xente ca nunca". Funcionaron os cambios introducidos como a ubicación de certas actividades ou a situación dalgunhas mesas de comida.

Carme da Silva agradeceu a participación da xente e tamén a todos os servizos municipais e concesionarias e persoas que participaron na organización das festas de verán de Pontevedra deste ano.