Vén observar o ceo de verán coa Concellaría de Medio Ambiente e a Asociación Sirio

60

A Concellaría de Medio Ambiente recupera a finais de agosto a programación medioambiental do Concello “Sinte Pontevedra” coa actividade “O ceo da estación”, unhas charlas e observacións do ceo de verán (tamén se observará en novembro o ceo de inverno) en colaboración coa Asociación Astronómica Sirio.

O ceo da estación serán dúas charlas/observacións relativas ao ceo de verán que se desenvolverán este vernes, 24 de agosto e o sábado, 25 de agosto a partir das 23.00 horas no Observatorio de Cotobade. A actividade consistirá na contemplación do ceo a simple vista, ademais da súa análise a través do telescopio do Observatorio, todo elo acompañado das explicacións dos expertos de Sirio.

A primeira das charlas estaba prevista para o día 17 de agosto, pero ao coincidir coas festas da cidade, a Concellaría decidiu adiala para este vernes, 24 de agosto.

Medio Ambiente pon a disposición dos interesados 45 prazas que poderán reservar a través do mail medionatural@pontevedra.eu, a través do teléfono 986 100185 ext 7584 ou ben acudindo ás dependencias de Medio Natural do Concello na rúa Churruchaos.

A Concellaría trasladará aos participantes en autobús até o Observatorio de Cotobade. O transporte sairá ás 22.30 horas da capela de San Roque.

No caso de mal tempo, a actividade sería adiada.