Os Obxectivos do Milenio en fotos, no vestíbulo do Concello

36

Unha exposición fotográfica sobre os Obxectivos do Milenio, no vestíbulo municipal en agosto

O Concello colocará no vestíbulo da rúa Michelena 30, durante todo o mes de agosto,  una exposición sobre os Obxectivos do Milenio (ODM) en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.  É unha mostra que intenta sensibilizar á sociedade, buscando unha maior concienciación e receptividade a problemas como a pobreza, as desigualdades sociais e a solidariedade. Por iso, para conseguir un mundo máis xusto e solidario, é necesario explicar como se pode construír ese mundo mellor e lembrar os compromisos asinados na Declaración.

O Concello é membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, quere mostrar o seu apoio A Declaración do Milenio, xa que  é unha oportunidade histórica para que os líderes mundiais asuman o compromiso de levar adiante políticas económicas e sociais que contribúan á redución da pobreza no mundo e, polo tanto, a un mellor desenvolvemento humano. Para facelo son urxentes os cambios que deteñan o incremento das desigualdades entre países pobres e países ricos.

Así, no Cumio do Milenio, celebrado no ano 2000, o conxunto de estados membros das Nacións Unidas aprobou a Declaración do Milenio, na que se reafirmaba o carácter universal e intemporal dos propósitos e principios das Nacións Unidas, considerando como valores fundamentais do novo milenio: a liberdade, a igualdade, a solidariedade, a tolerancia, o respecto ao medio ambiente e a responsabilidade común. Como seguimento á Declaración do Milenio, establecéronse oito obxectivos, que pretenden acadarse no ano 2015 e que comprometen os países a adoptar medidas e aplicar esforzos e recursos para conseguilo.

As láminas describen os diferentes obxectivos do milenio, con debuxos explicativos, como fondo de imaxe. Os obxectivos do milenio son os seguintes:

  1. Erradicar a pobreza extrema e a fame. Preténdese reducir a proporción de persoas que teñen uns ingresos inferiores a 1 dólar diario e a proporción de persoas que pasan fame.
  2. Acadar a educación primaria universal. Preténdese que os nenos e as nenas do mundo poidan rematar un ciclo completo de educación primaria.
  3. Promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller. Preténdense eliminar as desigualdades entre os xéneros na educación primaria e secundaria, preferiblemente para o 2005, e en todos os niveis educativos para o 2015.
  4. Reducir a mortalidade infantil. Preténdese reducir, en dúas terceiras partes, a taxa de mortalidade dos nenos e das nenas menores de 5 anos, entre 1990 e 2015.
  5. Mellorar a saúde materna. Preténdese reducir, en ¾ partes, a taxa de mortalidade materna, entre 1990 e 2015.
  6. Combater a SIDA e outras enfermidades. Preténdese deter e comezar a reducir a propagación da SIDA, e a incidencia da malaria e outras enfermidades principais.
  7. Garantir a sostibilidade do medio ambiente. Preténdese reducir á metade a porcentaxe de persoas que dispoñen de acceso á auga potable e mellorar considerablemente a vida de, como mínimo, 100 millóns de habitantes de barrios marxinais, para o 2020.
  8. Fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento.