O Concello apoia o Campus de balonmán Davor Cutura

71

O ex xogador do Teucro, Davor Cutura, actualmente no Benfica, presentou hoxe o Campus de especialización ao balonmán, que acolle Pontevedra a partir de mañá. No acto estivo acompañado do adestrador "Nano", da concelleira de Turismo, Carlota Román, e a deputada provincial Begoña Estévez.

O campus acollerá a 60 rapaces procedentes de toda Galicia en idades comprendidas entre os 11 e os 18 anos. De feito, este ano amplíase á categoría xuvenil atendendo unha petición dos xogadores que o ano pasado participaron no campus na idade cadete.

Os obxectivos do campus son un esenvolvemento motriz íntegro e multidisciplinar, dominio da coordinación temporal e espacial dentro do deporte en xeral e do balonmán en particular, desenvolver a capacidade de percepción da contorna do xogo, desenvolver a velocidade de Toma de Decisión no xogo, aumentar os coñecementos extradeportivos necesarios para o desenvolvemento integro do deportista, motivar e estimular ao xogador/a en a práctica deportiva do balonmán cara á procura do máximo rendemento e, finalmente, favorecer as relacións psicosociais do individuo dentro do grupo.

Carlota Román, que asistiu ao acto en representación do titular de Deportes, Agustín Fernández, destacou que en só dous anos este Campus de balonmán Davor Cutura converteuse nunha referencia deportiva en Pontevedra. Quizais porque Pontevedra é unha cidade de balonmán e quizais porque Davor Cutura é un dos piares (e non o digo só pola súa estatura) que explican a historia do balonmán nesta cidade.

Fixo un repaso á forte tradición deportiva da cidade e ao constante apoio da Concellería de Deportes, e mesmo de Turismo a través dos contratos de publicidade para a marca Visit-Pontevedra.

A concelleira engadiu que cómpre recoñecer sempre o labor dos xogadores profesionais que saben atopar un oco para transmitir valores e coñecemento aos nenos. Neste caso, ademais co aliciente de que un profesional que pasou por Pontevedra para xogar no Teucro e ao longo da súa carreira foi coñecendo diferentes clubs tan importantes como o Catro Raias Valladolid e agora o Benfica, conserve o recordo de Pontevedra no seu corazón.

Finalmente, lembrou que actualmente o Concello desenvolve unha campaña de promoción turística baixo o lema "Pontevedra é un amor" e lanzou a Cutura a posibilidade de que en próximos anos puidera utilizarse a imaxe de relevantes deportistas para "vender" Pontevedra no exterior, incluíndo, por suposto ao propio xogador balcánico.

Cutura recolleu a proposta con agrado e anticipou a súa disposición. Eu nacín noutro país, pero en Pontevedra estou en casa. Coñezo moitas cidades de toda España, pero Pontevedra ten algo e por iso estou aquí empadroado, recalcou.