Concellos de Galiza e do Norte do Portugal elaboran a Axenda Dixital Local

53

O Pazo de Mugartegui acolleu esta mañá a reunión da Comisión de Planeamento, Innovación e Territorio do Éixo Atlántico, na que o Concello de Pontevedra estivo representada polo concelleiro responsable da Sociedade do Coñecemento, Luís Bará. Contou coa asistencia de 15 cidades e vilas de Galiza e do Norte de Portugal, un total de 35 técnicos e responsables políticos.

O tema central da reunión foi a Axenda Dixital Local en proceso de elaboración, que estará rematada neste ano 2012. Servirá como folla de ruta para a estratexia dixital das cidades e como instrumento para o acceso a fondos comunitarios no período 2012-2020.

Esta axenda incluirá catro accións formativas para responsábeis políticos e técnicos. Cada concello deberá adaptar o contido da axenda a súa situación, necesidades e obxectivos.

Dende Pontevedra incidiuse na necesidade de que a Axenda estea ao servizo da cohexión social e territorial, e do acceso igualitario de toda a cidadanía á sociedade do coñecemento.

O documento da Axenda Dixital Local incluirá directrices de modernización das administracións locais e un catálogo de fontes de financiamento na estratexia 2014-2020.