A selección galega de rugby a 7 (modalidade olímpica) preséntase no I Torneo Internacional Boa Vila

78

O rugby a Sete, modalidade que será olímpica a partir dos Xogos de Río de Xaneiro, chega a Pontevedra. A cidade acolle o I Torneo Internacional Boa Vila, organizado polo Mareantes Rugby Club Pontevedra co apoio económico da Concellería de Deportes. O evento foi presentado hoxe no Concello polo edil Agustín Fernández, xunto co presidente do club, Pablo Irago, e o xogador Juan Ignacio Giordano.
A novidosa competición celébrase este sábado, a partir das 11.30 horas no campo de herba natural da Cidade Infantil Príncipe Felipe. A final está prevista para as 19.30 horas.
O concelleiro de Deportes destacou que o evento servirá para a presentación e debut oficial da Selección Galega de Rugby a Sete e o cadro técnico da mesma, encabezado polo seleccionador Raúl Varela (adestrador senior do Mareantes RCP). Agustín Fernández destacou a implantación que o deporte do balón oval ten na cidade, pero tamén a súa capacidade organizativa, que permite gozar tamén en Pontevedra da presenza de destacados equipos non só españois, senón tamén doutros países de forte tradición.
Pablo Irago adiantou que no Torneo haberá un apartado feminino, con dous partidos de exhibición entre un combinado das Rías Baixas (composto polas bases de Pontevedra e Vilagarcía) e outro de Ourense.
O cadro de equipos deste I Torneo de Rugby a 7 é chamativo:

Seleccións Territoriais Oficiais:
Selección Galega e Selección Asturiana.

Equipos de División de Honra:
O VRAC de Valladolid (recente Campión da Liga Renfe de División de Honra Española), e o Iveco U. Vigo R.C. primeiro equipo galego que milita en División de Honra desde a pasada tempada.

Equipos de división de Honra de Portugal:
C.R.A.V (Arcos de Valdevez) e o CDUP do Porto, este último un dos equipos basee da Selección Lusa.

Os mellores equipos da liga galega de Seven:
Os Ingleses de Vilagarcía, o Campus Ourense e o anfitrión Mareantes Aevents R.C.P.
Equipos chegados doutros lugares da Península:
Braga R.C. ou o Aparelladores Universidade de Burgos.