A Concellería de Educación adxudica sete obras de mellora nos colexios e no campus de Pontevedra

80

A atención do Concello ao mantemento e conservación dos colexios recibe un novo impulso coa recente adxudicación de seis obras por un importe total duns 135.000 euros. O responsable do departamento municipal, Agustín Fernández, destaca que, unha vez máis, o Concello demostra o seu compromiso á hora de asumir as súas competencias neste eido. Ademais, as melloras chegarán ao campus universitario co acondicionamento dun transformador eléctrico.
As actuacións que comezarán inmediatamente serán a reparación do peche e valado do colexio de Santo André de Xeve e o cambio das ventás e reparación do pavillón do colexio Xunqueira I, ao tratarse de actuacións que non interfiren a actividade normal dos centros e non entrañan ningún tipo de risco para os escolares. O resto das obras, ao desenvolverse en zonas de paso, realizaranse durante o período das vacacións de verán.
No colexio de Santo André de Xeve, cumprirase así o compromiso de evitar a entrada de coellos ao recinto escolar polos furados na base da reixa metálica do peche. A nova estrutura ten un orzamento de 14.300 euros. Consiste nun muro perimetral de 192 metros sobre o que se instalará a nova malla. Con esta mellora, que vai máis alá da competencia municipal de mantemento, destaca o concelleiro de Educación, e dunha simple reparación da reixa, quedará definitivamente solucionado este problema.
O cambio de ventás no Xunqueira I ten un orzamento de 21.000 euros. A obra, subliña Agustín Fernández, culmina un proceso xa iniciado en 2009, cando foron substituídos o resto das fiestras, cun gasto que xa supuxo outros 115.685 euros. Tamén neste centro vaise reparar a cuberta do pavillón polideportivo. A Concellería proxectou a colocación dunhas proteccións laterais para evitar a entrada de auga nos días de choiva con vento polo espazo entre a chapa metálica da cuberta e os muros da fachada. O custo será de 3.560 euros.
A Concellería de Educación adxudicou a instalación de falsos teitos no andar baixo do colexio de Campolongo, co que remata a completa reforma que se realizou neste centro durante os últimos anos. A obra ten un orzamento de 35.900 euros. Fernández recalca que tamén, neste caso, queda claro o compromiso do Concello asumindo obras que noutros concellos realiza a Administración autonómica.
No colexio de Vilaverde (Mourente) executarase unha mellora nos voadizos exteriores que protexen da choiva. Colocarase unha protección lateral de chapa metálica e pintarase a estrutura. O orzamento será de 20.000 euros.
No colexio de Manuel Vidal Portela quedou adxudicado o arranxo das dúas entradas ao centro, no que se vai realizar unha mellora consistente no pintado, instalación de falso teito e nova iluminación, valorada en 7.700 euros.
A Concellería de Educación adxudicou tamén a substitución do transformador eléctrico que alimenta o campus universitario. A súa estrutura está apuntalada ao presentar risco de desprendementos. Construirase unha nova base de formigón sobre a que se asentará un novo armario en plenas condicións de seguridade. O cableado, unha vez que a  compañía eléctrica instale os novos equipos, quedará completamente soterrado. O importe da actuación supera os 33.185 euros.
Finalmente, o concelleiro lembra que o seu departamento está a analizar a solución definitiva para a entrada do colexio de Barcelos, onde foi necesario retirar o volume voado da fachada, na entrada principal, ao detectarse unha perigosa fenda. A intención é que esta obra tamén se poda facer durante o verán.