Nova convocatoria dos premios Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde

21

Data límite de inscrición: 11 de xuño de 2012

Convoca: Axencia Galega das Industrias Culturais

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza unha nova edición dos premios Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, Manuel María de Literatura Dramática Infantil e Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques (modalidades de público infantil e adulto), convocados anualmente a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) cunha dotación económica de 6.000 euros para cada un dos galardóns e modalidades.


Segundo se recolle nas bases, os tres premios tamén contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Axencia mantén en colaboración con varias editoriais galegas. A convocatoria e as bases faranse públicas a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) o martes 17 de abril, data a partir da que se abrirá o prazo de recepción de orixinais, que se estenderá ata o vindeiro 11 de xuño.
Textos en galego e inéditos.


Poderán optar a estes galardóns, que comparten como obxectivo o estímulo da creación literaria no eido dramático, textos teatrais inéditos escritos en galego e non representados nin premiados noutros certames. Nos tres casos, o tema e a extensión poderán ser libres, aínda que deberán ter en conta o principio de duración normal dun espectáculo teatral, de xeito que non serán admitidas as obras de teatro breve. No caso do Álvaro Cunqueiro e do Manuel María, quedarán igualmente excluídos os textos para teatro de monicreques.


Para a avaliación de todos os textos recibidos na forma e prazo que indican as bases constituirase un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico: dous expertos en literatura dramática, dous elixidos entre escritores, dramaturgos, autores e adaptadores, e outros dous entre directores de escena e outros oficios teatrais. Para tomar a súa decisión, que será comunicada antes do 30 de novembro, valorará aspectos que teñen que ver coa calidade literaria e dramática, a viabilidade escénica, a especificidade de cada premio e o coidado da lingua.


O Premio Álvaro Cunqueiro alcanza este ano a súa vixésimo primeira edición, confirmándose como o galardón literario máis lonxevo de todos os que se desenvolven no ámbito teatral galego. O seu último gañador ata o momento é o vigués Marcos Abalde, coa obra A cegueira, que en 2011 se sumou á destacada nómina de dramaturgos galegos que teñen no seu haber este recoñecemento: Raúl Dans (2010 e 1994), Manuel Lourenzo (2009), Teresa González Costa (2008), Roberto Salgueiro (2007, 2002, 2000 e 1998), Manuel Guede (2006), Rubén Ruibal (2005), Antón Lopo (2004), Siro López (2003), Afonso Becerra de Becerreá (2001), Manoel Riveiro (1993), Andrés A. Vila e Xosé Cid Cabido (1992), Roberto Vidal Bolaño (1991), Agustín Magán (1990) e Euloxio R. Ruibal (1989).


Ademais, en 2011 Paula Carballeira gañou o VI Manuel María de Literatura Dramática Infantil polo texto O refugallo, mentres que o Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques –que este ano celebra a súa décima edición– quedou deserto nas súas dúas modalidades.


Rúa da Vesada, s/n – 15703 Santiago de CompostelaTel.: 981 577 126 (ext.105 e 116)

 

www.agadic.info