Antón Louro presenta o seu plan de actuacións en Estribela, que inclúe a renovación urbana de cinco rúas

38

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro Goyanes, visitou hoxe o barrio de Estribela, acompañado de técnicos municipais, para manter un encontro cos veciños do barrio mariñeiro. Na xuntanza, Louro presentou un plan de actuacións ata o ano 2016 que se enmarca dentro da programación da Área de Rehabilitación Integral.
Louro anunciou a completa renovación de cinco rúas e prazas, cun investimento total de 450.000 euros. Explicou aos veciños que o plan municipal, sumado ás obras xa realizadas nestes últimos anos, vai supor unha apreciable mellora na calidade urbana do barrio. O concelleiro adiantou o calendario das actuacións previstas e recolleu as suxestións veciñais.
O tenente de alcalde destacou que agarda poder aplicar tamén este modelo ao Centro Histórico de Pontevedra, espazo para o que está solicitada a declaración como Área de Rehabilitación Integral, pendente de resolución por parte da Xunta.
O primeiro paquete de obras, valorado en 115 euros, chegará este mesmo ano 2012. A Concellería de Urbanismo ten intención de comezar cara o verán a reforma das rúas da Pedralonga e Marqués de Valterra.  Os proxectos xa están a ser redactados. Ambas obras estarán concluídas a finais de ano.
Na rúa da Pedralonga efectuarase un tratamento consistente en renovación dos servizos soterrados e pavimentación en pedra do país.
En Marqués de Valterra vaise proceder a unha primeira reordenación de todo o espazo para darlle unha maior calidade urbana. O proxecto terá moi en conta a celebración da feira ambulante e, de feito, suporá unha mellora na disposición da rúa e da praza. O principal cambio vai ser a ampliación das beirarrúas no lado onde están os edificios, que será ampliada ata uns tres metros. Haberá tamén cambios na disposición do mobiliario urbano e os farois do alumeado.
Antón Louro anunciou que en 2014 será a quenda da rúa do Mercado e unha pequena rúa transversal de Marqués de Valterra, incluíndo tamén as actuacións que queden pendentes este ano no propio espazo da praza onde se celebra o mercadiño. O orzamento dispoñible vai ser de 135.000 euros.
Finalmente, xa en 2016, Louro prevé volver dispor de fondos para a mellora dos espazos públicos do barrio. A planificación da Concellería de Urbanismo inclúe para esa anualidade a rúa de Comboa, situada na parte alta do barrio. Trátase dunha vella reivindicación veciñal que o tenente de alcalde comprometeuse a acometer. Agárdase que o orzamento para esta anualidade alcance os 200.000 euros.
Antón Louro destaca que este paquete de obras vense sumar ás xa realizadas polo Concello durante os últimos anos nas rúas do Cruceiro, rúa das Laxes, Senén Sobral e unha pequena actuación na praza Marqués de Valterra, todo elo valorado en 420.532 euros, polo que o investimento total en obra pública no barrio de Estribela achegarase a finais de 2016 ao millón de euros.