O grupo Aludec amplía as súas instalacións no Campiño e creará 85 novos postos de traballo

80

O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, anunciou hoxe o visto bo á licenza para a construción da ampliación da nave de "Aludec Inyección" no polígono industrial de O Campiño. O máis importante, destacou Louro, é que falamos dun proxecto que vai xerar 85 postos de traballo.

A licenza foi ditaminada favorablemente na Comisión de Urbanismo, celebrada hoxe, e será concedida formalmente na Xunta de Goberno Local do próximo luns.

Louro detallou que o cadro de persoal da fábrica estará composto por:

  • 1 director.
  • 4 mandos intermedios.
  • 12 administrativos.
  • 4 operarios de almacén.
  • 4 técnicos de mantemento.
  • 60 operarios.


O investimento previsto é de 1.587.398 euros.

O grupo Aludec está no Campiño dende o ano 2000. Agora mesmo teñen tres naves de producción:

  • Aludec Stamping.
  • Aludec Saxonia.
  • Aludec Inyección, que é a que vai ser ampliada.

As tres dedícanse á fabricación de elementos decorativos para a industria do automóbil. No caso de Aludec Inyección, fabrica elementos termoplásticos. A nave que teñen actualmente está ao 100% da súa capacidade, e o grupo tiña que subcontratar a súa subproducción fóra de Galicia. A solución planteada foi adquirir a parcela colindante e ampliar a súa actual nave para dar acollida a nova maquinaria.

A nova nave será de planta baixa e unha entreplanta. Vai ter uns 4.000 metros cadrados construídos.

O concelleiro de Urbanismo detallou que a materia prima que utilizará a nova fábrica é material plástico granulado, de catro tipos distintos, que chega á fábrica en sacos. Este material é fundido e inxectado aos moldes que son propiedade das distintas marcas automobilísticas coas que esta empresa traballa, e que as ceden a Aludec en condicións reguladas por contrato. A continuación hai un proceso de prensado e secado que serve para rematar os anagramas e pezas decorativas. O consumo estimado de materia prima plástica é de 450 Toneladas ao ano.

Aludec agarda producir 300 referencias de produtos distintos inicialmente. Acapacidade de produción está estimada en preto de dous millóns de pezas ao ano. Esta previsión pode crecer no futuro ata as 400 referencias e máis de tres millóns de pezas anuais.

Hai que recalcar tamén que falamos dunha empresa limpa, porque os seus residuos están integrados polas pezas defectuosas (que se reutilizan), palés de madeira, plásticos e envoltorios, papel, cartón e residuos asimilables aos sólidos urbanos.

O proceso produtivo non consome auga, e polo tanto, non xera vertidos de augas residuais máis alá que os derivados da actividade humana e as pluviais.