A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra convocou onte pola tarde unha xuntanza da Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL), na que participaron representantes de asociacións e entidades do concello comprometidas coa lingua galega como Vaipolorrío, a Asociación Sociocultural O Burgo, asociación Cedofeita, a revista Encrucillada, Equipo Lingüístico da Audiencia Provincial de Pontevedra, Fundación Filgueira Valverde, Maiolongo, A Mesa pola Normalización Lingüística, ANPA do CEIP Froebel e a Universidade de Vigo (campus de Pontevedra).
O tema central da xuntanza foi a programación de Maio, Mes da Lingua. Con esta programación o Concello de Pontevedra, en colaboración con outras entidades, promove o uso e o prestixio da lingua galega facendo visibles as actividades arredor da lingua que durante todo o mes de maio organizan distintos colectivos e asociacións do concello. O día 13 de abril remata o prazo para que asociacións, colectivos e outras entidades presenten as súas propostas de actividades para inserir no programa de Maio, Mes da Lingua.
Ademais, o Concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez Xunqueira, informou sobre actuacións que se están a desenvolver en dúas das principais áreas de actuación da concellaría: a toponimia e a dinamización do uso do galego en diferentes ámbitos.
A campaña Proba en Galego, está dirixida a dinamizar o uso do galego na pequena empresa e no comercio locais. Ao abeiro desta iniciativa, a finais do 2011, comezou a traballar un grupo de comerciantes e pequenos/as empresarios/as da cidade para favorecer a presenza da lingua galega nas relacións comerciais. Hai uns meses naceu o seu blog https://probaengalego.blogaliza.org/, como ferramenta de difusión das actividades da campaña e apoio ao grupo de traballo.
Na reunión, tamén se avaliou positivamente o Premio Xoán Manuel Pintos 2011, que este ano recoñeceu o labor desenvolto pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística, e o traballo continuado a prol da lingua da Aula Castelao de Filosofía ao longo de toda a súa traxectoria.