O apoio da Concellería de Deportes e o impulso do Club Montañeiros A Roelo fan posible o nacemento da Liga Local de Orientación

56

Pensar e correr. O lema do deporte da orientación aplícase á perfección ao nacemento da primeira Liga Local Aromon-Chemasport, que sae adiante gracias ao apoio da Concellería de Deportes. A competición foi presentada hoxe no Concello nun acto presidido polo concelleiro Agustín Fernández e coa asistencia do presidente do Club Montañeiros A Roelo, Manuel Beloso, e os eu vocal de Orientación, Javier Alvelo.
A Liga Local chega coa vocación fundamental de atraer a este deporte aos nenos pontevedreses. Ten tamén o obxectivo de fixar un calendario anual suficientemente amplo, posto que ata o de agora só había a Liga Galega que, a pesar de contar cunha ducia de probas, só inclúe dúas ou tres no entorno de Pontevedra.
Agustín Fernández amosouse encantado de poder colaborar na promoción dun deporte que pode atraer aos amantes da Natureza e tamén a deportistas interesados simplemente na carreira. Trátase, opinou, dunha especialidade que require combinar as capacidades físicas e as mentais, pois os seus practicantes deben combinar a realización dun percorrido a pé no menor tempo posible co paso por unhas balizas que deben atopar en base á información que proporcionan un mapa e un compás.
O concelleiro destacou que a promoción do deporte base, a consolidación de ligas con base na cidade e o impulso a grandes eventos deportivos son os tres grandes eixes, xunto coa optimización das infraestruturas, da súa política á fronte da Concellería.
Coa creación da Liga Aromon-Chemasport, Pontevedra acolle outras catro probas distribuídas ao longo do ano. Cada proba terá catro percorridos a elixir: iniciación infantil, iniciación adultos, aventura e desafío (o nivel de maior dificultade). Haberá clasificacións parciais tras cada proba e un ranking que determinará os gañadores.
A Orientación é un deporte de orixe sueca. En España existe Federación, mentres que en Galicia está en marcha o proceso para creala, dado que hai preto de 30 clubs galegos e un crecente interese, como demostra a participación na última proba da Liga Galega, con case 500 corredores inscritos.
A Liga Local Aromon-Chemasport celebra esta fin de semana a súa segunda proba no monte Castrove, moi preto do campo de golf de Meis. O prazo de inscrición está aberto durante esta semana. Máis información na oficina do club, no Estaido da Xuventude, ou en aroelo@hotmail.com.