Agustín Fernández visita o colexio de Barcelos despois de atallar o risco de desprendemento na marquesiña da fachada

44

Co alivio de saber que xa non existe perigo de desprendementos sobre a porta de entrada do colexio de Barcelos, o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, visitou hoxe o centro. Alí comprobou o resultado da demolición do revestimento na marquesiña que cobre o acceso.
O problema detectouse o pasado día 7, cando ao remate dunha visita ás obras de cambio de falsos teitos no colexio, o equipo directivo amosou ao concelleiro as fendas que se estaban a abrir no voadizo. Fernández ordenou unha inspección técnica inmediata e, como resultado desta, ordenouse o apuntalado e posterior demolición para comprobar o estado da estrutura interior.
Rematados estes traballos, acometidos durante a fin de semana para garantir a seguridade no centro escolar, os técnicos municipais entenden que a estrutura interior de formigón da marquesiña está en perfectas condicións. Agora, xa sen carácter de emerxencia ao ter pasado o risco, darase unha solución estética á marquesiña.
A “viseira” da fachada estaba construída en tixolo con revestimento monocapa con grava proxectada tipo “Cotegrán”. Estaba cruzada por varias fendas, pero dúas delas resultaban especialmente preocupantes por ter alcanzado un grosor apreciable. Unha das fendas avanzaba diagonalmente por un lateral e a outra estaba localizada xusto enriba da porta.
Á vista do anterior, e ante o perigo de caída de elementos da marquesiña, o concelleiro autorizou a obra de emerxencia, cuxos resultados comprobou hoxe.