A Concellería de Promoción Económica formará aos aspirantes a traballar nun novo supermercado Moldes

44

A Concellería de Promoción Económica formará aos candidatos a integrar o cadro de persoal co que o Grupo Moldes estreará, a finais do próximo verán, un novo supermercado en Campolongo, na contorna do edificio administrativo da Xunta de Galicia. O acordo foi asinado hoxe entre a concelleira, Carlota Román, e o xerente da firma pontevedresa, Ángel Centeno.
A Concellería e a empresa realizarán este mes unha primeira preselección das persoas que participarán nun curso formativo de empregado polivalente de supermercado. O Grupo Moldes contratará entre 12 e 14 delas, que comezarán a traballar no que será o sétimo supermercado na cidade da firma pontevedresa.
O curso de formación terá unha duración de 10 semanas en horario de 9 a 14 horas e de 18.30 a 21.30 horas. O obxectivo, segundo figura no acordo asinado hoxe, é acadar a mellor cualificación profesional que permita incrementar a capacitación laboral. Os participantes recibirán unha formación transversal que cubrirá tanto a atención ao público dende os distintos postos de traballo dun supermercado, como a loxística, reposición de mercancías, etcétera.
Os interesados/as deberán solicitar a súa participación nas oficinas da Axencia Local de Desenvolvemento (rúa Santa Clara 4) en horario de 8 a 15 horas dende o próximo luns, día 19, ata o día 30 deste mes de marzo. Deberán presentar instancia cuberta (pódena baixar previamente da web www.proxectoiles.es), curriculum vitae, fotografía actualizada e fotocopia do DNI.
Carlota Román destacou que este convenio é un exemplo de colaboración entre a Administración pública e a empresa privada para a xeración de emprego e o combate, cara a cara, contra a crise. Animou a todas as empresas pontevedresas a seguir os pasos de Moldes porque, recalcou, as portas da Concellería de Promoción Económica están abertas para todos.
A responsable municipal lembra que o prestixio e a calidade derivada do proxecto Iniciativa Local de Emprego Social (ILES) están xa moi acreditadas e constitúe unha ferramenta moi potente para dar formación en case calquera ámbito profesional. Polo tanto, as empresas interesadas en acadar esa formación a custo cero van ter un aliado moi potente no Concello de Pontevedra. A única condición é o compromiso de contratación dunha parte das persoas que realicen os cursos, explicou Román.
Ángel Centeno, que chegou acompañado da directora de Recursos Humanos do Grupo Moldes, Montse Abreu, expresou a súa satisfacción de poder colaborar co Concello na formación dos seus futuros traballadores. A fórmula estreouse en 2010 con motivo do supermercado da rúa de Loureiro Crespo e foi todo un éxito. O 95% dos traballadores seleccionados continúan prestando servizos, a día de hoxe.
O Grupo Moldes é unha empresa 100% pontevedresa que conta con 440 empregados, o que a convirte na máis grande do municipio de Pontevedra. O seu proxecto empresarial para o ano 2012 aposta pola expansión coa apertura de tres novos supermercados nas provincias de Pontevedra e Lugo.