As concellerías de Deportes e Promoción Económica apoian a celebración da festa de San Patricio, que impulsa o Mareantes Rugby Club

62

A praza de España acollerá entre os próximos xoves e o domingo o segundo Festival Galaico-Irlandés San Patricio. A iniciativa, que foi presentada hoxe, é do Mareantes Rugby Club Pontevedra e conta co apoio das concellerías de Deportes e Promoción Económica.
O responsable de Deportes, Agustín Fernández, destacou que o rugby ten un forte arraigo na cidade. Ao tempo, aplaudiu a celebración deste evento, que ademais de garantir a recadación de fondos para o club, servirá como dinamizador da economía local durante toda a fin de semana.
A titular de Promoción Económica, Carlota Román, puxo o acento na colaboración que veñen mantendo os dous departamentos municipais e que xa se manifestou anteriormente noutros exitosos eventos deportivos celebrados no que vai de ano. Unha estratexia que, dixo, é especialmente útil nunha cidade de servizos como é Pontevedra.
A interrelación turística foi outra cuestión destacada por Román, dado que o Festival contará con senllos stands promocionais. “Turismo de Pontevedra” venderá os atractivos da nosa cidade aos visitantes e, ao tempo, “Turismo de Irlanda” ofrecerá ampla información sobre a illa.

Eloy Díaz e Pablo Irago, presidente e vicepresidente dos Mareantes, detallaron que as actividades deportivas están previstas para o sábado, 17 de marzo, ás 10.30 horas no campo de rugby de Monte Porreiro. Alí disputarase o segundo torneo de Rugby San Patricio entre os anfitrións e o club invitado para esta ocasión, que é “Los Irlandeses del Valle del Jerte”, equipo procedente de Extremadura. A continuación celebrarase un partido de exhibición de Rugby 7 feminino no que competirán as mulleres do Mareantes cunha selección galega. Finalmente, a partir das 18 horas, na carpa da Praza de España, ofrecerase, en directo, o partido Inglaterra-Irlanda do torneo das Seis Nacións.
O recinto da Praza de España terá tamén un espazo para a cultura, gracias á colaboración da Libraría Paz, que porá a disposición do público unha ampla mostra das literaturas irlandesa e galega, así como de música de ambos pobos.
A animación na carpa estará a cargo do trío irlandés Coverstone e do grupo folk-rock burgalés La Maravillosa Orquesta.
A oferta gastronómica chegará cunha mistura de cociña galega e irlandesa. Haberá tamén oferta variada de bocadillos. O domingo pola mañá, degustación de callos, sidra natural e cervexa rubia. Non obstante, o principal atractivo seguirá a ser o das pintas da típica cervexa negra irlandesa.