Os eventos deportivos xeraron, no que vai de ano, un retorno económico duns 900.000 euros

47

A programación de eventos da Concellería de Deportes para o primeiro trimestre do ano (aínda sen rematar) supuxo xa un retorno económico duns 900.000 euros para Pontevedra. A cidade acolleu a preto de 2.000 deportistas, adestradores, árbitros e delegados federativos e, cando menos, un número equivalente en acompañantes. O dato foi facilitado hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, na xuntanza mantida cos hoteleiros xunto coa concelleira de Promoción Económica, Carlota Román.
O torneo internacional junior (ITF), celebrado entre o 1 e o 8 de xuño; o Campionato de España de Natación para Mozos, entre o 24 e o 26 de febreiro; e, finalmente, o Campionato de España de Marcha en Ruta, o pasado 4 de febreiro, constituíron o eixe desta programación.
Na cita, na que estiveron presentes os representantes dos hoteis Galicia Palace, Rías Bajas, Virgen del Camino, La Peregrina e Rúas, fíxose balanzo do trimestre, pero tamén adiantouse a programación das concellerías de Educación e Deportes e Promoción Económica para o resto do ano. Fernández destacou que non se trata de eventos puntuais, senón que os dous departamentos municipais están a traballar conxuntamente para impulsar unha programación estable que encha todo o ano e, especialmente, os períodos de temporada baixa. Os hoteleiros amosáronse moi satisfeitos.
Carlota Román destacou que a improvisación non é unha boa estratexia, polo que a política municipal debe estar coordinada coa estratexia empresarial dos hoteleiros, ao tratarse do sector máis beneficiado pola captación deste tipo de eventos. Por este motivo, os concelleiros socialistas recibiron de bo grado as ofertas de colaboración dos hoteleiros, dispostos a ofrecer todo tipo de complementos para incrementar as posibilidades das concellerías de Deportes e Promoción Económica na súa pugna por atraer eventos de mediano e gran formato.
Ao tempo, durante a xuntanza constatouse que os tres campionatos celebrados no primeiro trimestre do ano tamén tiveron un apreciable impacto no comercio local, dado que un bo número de establecementos apreciaron un incremento das súas vendas durante estes primeiros tres meses do ano. Tamén se revisaron cifras que demostran que o impacto hoteleiro excede á cidade de Pontevedra e chega moi especialmente a Poio, en segundo lugar a Marín e Sanxenxo e, en menor medida, a Vigo.
Carlota Román e Agustín Fernández aproveitaron a xuntanza para adiantar aos hoteleiros os eventos xa confirmados para o resto do ano, xunto coas datas pechadas ou aproximadas de celebración:
No mes de marzo celebrarase na cidade a festa de San Patricio, baixo o patrocinio do Mareantes Rugby Club, ao que acudirán varios clubs de Irlanda, outro extremeño e un grupo folk irlandés que chega da man do ente turístico de Irlanda. Será tamén o mes do Campionato de España de Squash sub 13 e sub 17.
Abril incluirá o Primeiro Salón da Educación e Formación de Galicia (Edugal) e pouco despois outro congreso sobre Emprego e Autoemprego, eventos ambos que nacen gracias ao impulso da Concellería de Promoción Económica.
A partir de mediados de abril e ata finais de xullo, no marco do convenio asinado coa Federación Galega de Piragüismo, celebraranse no Pontillón do Castro un total de catro campionatos de España de piragüismo de distintas categorías. Trátase da Copa de España Sénior de 1.000 metros; Copa de España Sénior de 200 e 500 metros; Copa de España Cadetes e Promesas Cadete de 1.000 metros; e, finalmente, o Campionato de España de Novas Promesas e Campionato de España por Federacións Autonómicas Infantil e Cadete (celébranse simultaneamente). Estímase que estas probas poden atraer preto de 3.000 persoas.
En maio chegará o Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e, a continuación, o II Congreso Internacional de Fútbol Cidade de Pontevedra.
No mes de xuño, Pontevedra acollerá a proba clasificatoria para o Campionato de España de Triatlón. Agárdase que acudan triatletas de todo o Noroeste español e xa, en setembro, acolleremos o Campionato de España, cunha participación moi importante composta pola  totalidade dos deportistas clasificados, en cada unha das categorías, de toda España.
O concelleiro de Deportes fixo, finalmente, un esbozo dos plans para traer o Campionato de España de Taekwondo nos últimos meses do ano. Esta cuestión está sen pechar, pero, de non conseguirse, organizaríase un Open Internacional sobre a base do torneo que se celebra a finais de outubro.