Pontevedra confirmou o seu prestixio como organizadora de eventos deportivos coa celebración do Campionato de España de Marcha

36

Pontevedra acolleu este domingo o Campionato de España de Marcha en Ruta, que coroou como campións de España a Jesús Ángel García Bragado (Canle de Isabel II) en 50km e María José Poves (Simply-Scorpio 71) en 20km.

García Bragado realizou 3h51:29 seguido de Benjamín Sánchez (3h58:51), Luís Manuel Corchete (3h59:58), Juan Manuel Molina (4h01:13) e Miguel Anxo Prieto (4h01:24) mentres que en mulleres, Poves fixo marca persoal (1h28:15) seguida de María Vasco (1h28:54), Beatriz Pascual (1h30:29) e Lorena Luaces (1h31:50).

A proba contou tamén co aliciente da celebración do Campionato de Portugal paralelo, así como a presenza de atletas de nove países, entre os que destacaron os atletas da selección de Guatemala.

Pontevedra confirmou o seu prestixio como cidade organizadora de eventos deportivos de alto nivel. A proba contou cunha boa asistencia de público, refrendando así unha fin de semana de forte ocupación hoteleira. Máis de 700 persoas entre deportistas, delegados federativos, adestradores e acompañantes dos atletas, achegáronse para participar, controlar ou presenciar o Campionato.

O concelleiro de Deportes de Pontevedra, Agustín Fernández, expresou a súa máxima satisfacción polos resultados deportivos acadados e polo nivel organizativo demostrado, que mereceu as felicitacións da Federación Española de Atletismo. O concelleiro, acompañado do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, comprobou sobre o terreo o bo resultado do intenso traballo de organización e preparación dunha competición complexa.

A consecución de ata sete mínimas olímpicas foi unha sorpresa. Superáronse todas as expectativas. Ao tempo, quedaron confirmadas as primeiras valoracións sobre o circuíto urbano de 2 Km trazado nas beiras do río, Lérez, que fora cualificado polos atletas e responsables federativos como moi rápido.

A gran presenza de público, local e chegado de todas as comunidades autónomas de España, foi outro dos motivos de satisfacción, así como o tempo durante a xornada, posto que, aínda que á primeira hora caeron algunhas pingas, a mañá mantívose seca e sen demasiado vento, o que permitiu que os atletas puidesen dar as súas máximas prestacións.

O concelleiro recibiu con moito agrado as valoracións sobre o desenvolvemento da proba os deportistas participantes, tanto os españois como os estranxeiros, que proporcionaron un magnífico espectáculo, que quedou aínda máis remarcado polo dramatismo dalgunhas esceas de cansancio dos atletas que ían rematando a proba.

Agustín Fernández tamén aproveitou para felicitar aos atletas locais e galegos, que renderon a moi bo nivel.
Galicia obtivo un total de oito medallas, das que catro foron por equipos (terceiros en junior masculino, primeiros en junior feminino, primeiros en cadete masculino e tamén primeiros en cadete feminino) e catro individuais (Mar Chillón, terceira en xuvenil; Carmen Escariz, segunda en cadete; Rocío Carbia, terceira en junior e Daniel Chamosa, segundo en cadete). A última alegría foi a obtención da mínima IAFF para Londres por parte da marchadora galega Lorena Luaces.