Os atletas pontevedreses non queren nin vento nin sol para a xornada do Campionato de España de Marcha

59

Os cinco atletas locais con opcións de medalla nas súas respectivas categorías no Campionato de España de Marcha foron recibidos hoxe no Concello polo responsable de Deportes, Agustín Fernández. O acto enmárcase dentro das actividades que a Concellería está a desenvolver como preludio á proba que a cidade acolle este domingo, día 4.
No acto de hoxe estiveron presentes Eva María Iglesias, Francisco Durán, Daniel Chamosa, Rocío Carbia e Samanta Mulloni.
O edil desexou a máxima das sortes aos marchadores e agradeceulles o esforzo que fan a diario por representar a Pontevedra. Ao tempo, lembrou, hai que valorar o feito de que son xa referentes para outros mozos e mozas que dan os seus primeiros pasos na práctica deportiva.
O potencial pontevedrés na marcha atlética é especialmente destacado, subliñou Fernández, e iso débese ao talento destes cinco atletas que están destinados a dar grandes alegrías. O concelleiro fixo unha mención especial para Eva Iglesias, a quen lle desexou que as cousas lle vaian moi ben durante a proba para que poda acadar o difícil reto de clasificarse para os xogos olímpicos de Londres.
Durante o encontro os deportistas locais coincidiron en que desexan que o próximo domingo o tempo acompañe. Sen embargo, ningún deles opta por unha xornada soleada ou con calor. De feito apostan por unha temperatura “fresca”. Mesmo algún, caso de Francisco Durán, vería con bos ollos unha xornada cunha lixeira choiva, polo que os últimos partes meteorolóxicos son do seu total agrado. “Hai contrincantes moi fortes que veñen do Sur e algo de frío e choiva sería negativo para eles”, destacou.
Eva Iglesias foi moi prudente sobre o obxectivo olímpico e dixo estar centrada en obter a clasificación para a Copa do Mundo. O junior Francisco Durán comparte este mesmo obxectivo, xunto coa clasificación para o Campionato do Mundo junior que se celebra en Barcelona. Pola súa banda, os tres marchadores de categorías inferiores teñen as súas esperanzas en alcanzar medalla neste Campionato de España.