A Concellería de Promoción Económica aposta forte por Edugal, o Salón de Educación e Formación

42

Axudar a encontrar a vocación profesional, proporcionando conxuntamente toda a información sobre a oferta educativa posterior á ESO, os ciclos profesionais e/ou o Bacharelato é o obxectivo central do primeiro Salón de Oferta de Educación e Formación que se celebrará no Recinto Feiral de Pontevedra entre o 12 e o 14 de abril próximos.
A feira, organizada por Aempe, conta co apoio económico da Concellería de Promoción Económica, que achega 18.000 euros. A concelleira, Carlota Román, apostou forte por este evento que, na súa opinión, debería consolidarse para converter a Pontevedra en referencia para todo o Noroeste peninsular da orientación educativa.
O certame, novidoso en Galicia, foi presentado hoxe na sede de Aempe nun acto ao que asistiron as diversas institucións que van ter presenza no salón.
Román explicou que os rapaces dispoñen ata o de agora dunha orientación parcial e demasiado teórica que se lles ofrece nos propios institutos. Era necesario facilitarlles o acceso a un enfoque moito máis práctico que lles axude a visualizar as súas opcións despois dos estudos medios.
A concelleira destacou o papel de Aempe e revelou que no pasado mes de xullo, xusto despois da súa toma de posesión, pediu á organización empresarial que se animara a tirar tamén da economía local organizando feiras e congresos de rango medio. Ao pouco tempo, engadiu, sorprendérona con esta proposta, que acolleu inmediatamente.
Ao tempo, quixo tamén facer unha reflexión sobre o futuro do ensino público nestes tempos de indefinición e mobilización social. Edugal, opinou, está chamado tamén a converterse nun foro de debate sobre este controvertido asunto.
Edugal nace como un lugar de encontro entre o alumnado, os profesionais do Ensino, os centros de formación e as institucións educativas. Tamén coa intención de dar cobertura ao Noroeste peninsular e, en especial, da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
A feira contará con stands informativos onde os centros poderán asesorar e informar sobre a súa oferta; actividades formativas, entre as que figuran charlas, coloquios, debates… e, finalmente, actividades paralelas, tanto de tipo deportivo como cultural ou tecnolóxico.
O certame é o lugar no que achegarse aos estudos universitarios de toda España, pero especialmente no ámbito territorial de referencia. Será tamén unha oportunidade de coñecer polo miúdo a oferta en Formación Profesional, formación militar, idiomas e estudos no estranxeiro. Finalmente, prestarase especial atención á mobilidade (programas, becas, intercambios…) e ás novas tecnoloxías e o e-learning.

 

Clica no PDF para ver o programa do Congreso.

Ver documento PDF