A Casa da Luz recibe o distintivo de Compromiso de Calidade Turística tras recibir máis de 70.000 visitantes

62

A Casa da Luz de Pontevedra converteuse en moi pouco tempo na referencia da información ao turista. O empeño municipal na súa xestión e mellora é recoñecido hoxe coa entrega do distintivo de “Compromiso de Calidade Turística”, na modalidade de oficinas de información, que outorgan Turespaña e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
A concelleira de Turismo, Carlota Román, recolleu a certificación nun acto celebrado na sede do Padroado Rías Baixas. Román referiuse á excelencia acadada en pouco tempo. Lembrou que a Casa da Luz abriu en marzo de 2010, solicitou a certificación en 2011 e, despois de pasar a correspondente auditoría, agora obtén o selo.
A responsable municipal aludiu ao constante incremento no número de visitantes que acreditan as estatísticas. Dende a súa apertura recibiu xa a un total de 70.269 persoas. O crecemento de 2010 a 2011 foi de case un 13%. Unha tendencia que se mantén porque nos dous primeiros meses de 2012, aínda en temporada baixa, atendeuse a preto de 2.300 persoas. Uns datos nos que, engadiu Román, está tendo bastante que ver a política municipal de impulso a eventos con repercusión social, especialmente, os deportivos.
Por outra banda, Carlota Román considera que o recoñecemento á Casa da Luz como oficina de información turística era unha consecuencia lóxica do traballo que se está a facer, a existencia dun agradable espazo físico, unha localización emblemática e un labor profesional na atención ao público.
Román opinou que falar da Casa da Luz é falar tamén da empresa municipal “Turismo de Pontevedra”, como encargada de impulsar a política turística municipal. Un papel que acaba de ser reforzado coa absorción de “Terras de Pontevedra”.
O “Compromiso de Calidade Turística” é unha das ferramentas incluídas dentro do Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SISTED). En total recoñécense as boas prácticas en 29 oficios-categorías diferentes, entre as que se atopan as oficinas de información. A distinción ten unha duración de dous anos.
A Casa da Luz foi avaliada rigorosamente. Tivéronse en conta 110 cuestións agrupadas en seis criterios diferentes: Persoas, Clientes, Ventas, Servizos externos, Instalacións e equipamento e Oficio. O cumprimento de cada unha das cuestións foi analizado e todo elo reflectido nunha puntuación final. Asemade, Turismo de Pontevedra tivo que entregar ata 22 documentos que acreditan asuntos moi diversos que van dende o organigrama aos cuestionarios de queixas.