O entroido pontevedrés despídese con un gran éxito de participación e público

41

O entroido pontevedrés rematou este sábado cun innegable éxito de público e de participación segundo o balance que fixo esta mañá a concelleira de Festas, Carme da Silva. O pregón contou con tal cantidade de xente que a Concellaría xa pensa en buscar un sitio alternativo á praza da Verdura que permita acoller a máis persoas.

Por vez primeira, no Desfile do entroido foi necesario pechar a ponte dos Tirantes e a avenida Alexandre Bóveda para acoller a cantidade de participantes.

O enterro do Ravachol e as Murgas volveron a repetir o éxito do pasado ano con cheos ata a bandeira.

A proposta de maior novidade: A noite pirata, tamén resultou moi satisfactoria para a Concellaría de Festas cun alto nivel de implicación por parte da cidadanía. Pénsase en reforzar esta parte da programación estendéndoa durante o día, tanto a petición dos propios grupos participantes como da hostalería.

Carme da Silva lembrou que o vindeiro ano cúmprese o centenario do enterro do Loro Ravachol, que morreu en 1913, polo que a Concellaría xa está barallando unha edición especial con motivo da súa morte.

A concelleira de Festas agradeceu a colaboración e o apoio de todos os grupos participantes no entroido así como de todos os servizos municipais e empresas concesionarias que colaboraron dun xeito ou doutro na organización e no éxito do entroido. Especialmente agararimosos foron os parabéns para todos os pontevedreses que nestes días quixeron esquecer un pouco as penas da crise e decidiron participar activamente no entroido pontevedrés.