Pontevedra coa Semana galega de filosofía

41

O Concello de Pontevedra asinou esta semana un novo convenio de colaboración coa Aula Castelao de Filosofía para a celebración da Semana galega de filosofía que acollerá a cidade do Lérez entre o 9 e o 13 de abril. O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Aula, Carlos Calviño asinaron este convenio que segundo o alcalde "é unha actividade moi boa para autoestima dos cidadáns de Pontevedra".

A Semana galega de filosofía abordará a situación de Europa dende os puntos de vista filosófico, político e económico, achegándose especialmente aos problemas das institucións. Contará con ponentes galegos, españois e internacionais entre os que se atopan:

  • Ana Miranda Paz, europarlamentaria
  • Éric Toussaint, presidente da Asociación pola condonación da débeda do terceiro mundo.
  • Giacomo Marramao, profesor de filosofía de Roma.

 

CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE O CONCELLO DE PONTEVEDRA E A ASOCIACIÓN CULTURAL AULA CASTELAO DE FILOSOFÍA POLA ORGANIZACIÓN EN PONTEVEDRA DA "XXIX SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA: FILOSOFÍA E EUROPA"


EXPOÑEN
I.- Que segundo resulta dos seus Estatutos a Asociación Cultural Aula Castelao de Filosofía foi constituída sen ánimo de lucro, sendo os seus principais fins a divulgación da filosofía e o pensamento en xeral, fomentar a investigación desta materia, a mellora cualitativa do ensino, normalizar o uso da lingua galega neste eido, o pensamento e a acción social. Entre as súas actividades destaca, dende o ano 1983, a organización e celebración anual na cidade de Pontevedra dos Congresos Internacionais “Semanas Galegas de Filosofía”. Esta edición, na que intervirán prestixiosos poñentes e relatores, terá lugar no Auditorio de Caixanova e haberá arredor de 600 inscritos gratuitamente, sendo os seus destinatarios directos  sobre  unhas 1.500 persoas.
II.- Os Estatutos da devandita asociación foron visados e atópase inscrita co nº 1612 no Rexistro Provincial de Asociacións sen Ánimo de Lucro.
III.- Pola súa banda, os artigos 25 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, modificada pola Lei 57/2003, do 16 de decembro, e 80 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, establecen que o municipio para a xestión dos seus intereses e no ámbito das súas competencias, pode promover toda clase de actividades e prestar cantos servizos públicos contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da comunidade veciñal, exercendo competencias nos termos da Lexislación do Estado e das Comunidades Autónomas, entre outras materias, nas de execución de programas destinados á xuventude, actividades culturais, e participar na programación do ensino.
Neste mesmo senso, atendendo ás competencias subliñadas e as complementarias das propias doutras administracións públicas, como son a educación e a cultura, segundo os artigos 28 da Lei 7/1985 e 86.1.a) e b) da Lei 5/1997, as finalidades e os obxectivos de Aula Castelao de Filosofía encontran o seu encadre dentro do círculo de intereses que pode atender o Concello ao dar satisfacción ás necesidades e aspiracións da comunidade veciñal.
IV.- Nestes case trinta anos de realización da Semana Galega de Filosofía en Pontevedra, ven de consolidarse como un evento de importante influencia académica no noso contorno territorial e mesmo estatal, achegando a filosofía e o pensamento a todo aquel interesado en completar a súa formación. Este ano desenvólvese a XXIX edición do citado evento cultural, o que demostra a súa indubidable consolidación.
A tal fin, no marco das competencias da educación e a cultura, segundo os artigos citados das Leis 7/1985 e 5/1997, este Concello compromete anualmente nos seus orzamentos ordinarios unha partida ou aplicación orzamentaria para asumir unha parte dos gastos que ocasiona o ciclo de conferencias e seminarios da Semana Galega de Filosofía. O convenio de colaboración resulta o instrumento xurídico habitual para canalizar as subvencións tramitadas polo procedemento de concesión directa, consonte ao establecido na vixente Ordenanza xeral municipal de subvencións que foi aprobada polo Pleno da Corporación na sesión do 17/09/2004 (BOP nº 190 do 30/09/2004), baixo a vixencia da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións e polo regulamento que desenvolve a anterior, aprobado por Real decreto 887/2006, de 17 de novembro.
Así pois, no presente orzamento incluíuse o outorgamento da achega directa á asociación de referencia, procedendo que a xustificación posterior, para a achega do importe económico recolla todas as prescricións sinaladas encamiñadas ao debido control e aplicación dos fondos públicos.
En base a canto antecede e considerando o establecido nos artigos 294 e 310 da Lei de administración local de Galicia, 111 do Real decreto lexislativo 781/1986, de 18 de abril, polo que se aproba o Texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, e 88 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, as partes intervenientes acordan celebrar o presente CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE O CONCELLO DE PONTEVEDRA E A ASOCIACIÓN CULTURAL AULA CASTELAO DE FILOSOFÍA POLA ORGANIZACIÓN EN PONTEVEDRA DA "XXIX SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA: FILOSOFÍA E EUROPA”, que se rexerá con suxeición ás seguintes
CLÁUSULAS


PRIMEIRA.- É obxecto do presente convenio establecer as condicións reguladoras da subvención económica a outorgar polo Concello de Pontevedra á Asociación Cultural Aula Castelao de Filosofía, para o desenvolvemento e apoio anual aos gastos derivados das actividades que leve a cabo dentro do programa que comprende a celebración  na cidade de Pontevedra, no presente exercicio 2012, da "XXIX Semana Galega de Filosofía: Filosofía e Europa”.
SEGUNDA.- O Concello de Pontevedra comprométese a achegar a cantidade de 17.117,50 € para colaborar nos gastos derivados da organización do evento, tendo en conta que o importe subvencionado non poderá exceder do 50% do custe da actividade, segundo se establece no artigo 5.g) da Ordenanza xeral de subvencións.
A subvención outorgada efectúase baixo a suxeición e prescricións establecidas na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, Real decreto 887/2006, Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e da Ordenanza xeral de subvencións do Concello, tendo emitido previo informe a Intervención Xeral Municipal sobre a existencia de crédito na aplicación orzamentaria oportuna.
A achega municipal efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.3340-489.11 do Orzamento xeral do Concello.
TERCEIRA.- A Aula Castelao de Filosofía comprométese a destinar a achega municipal ao desenvolvemento do evento cultural de referencia e destacará en lugar preeminente a colaboración económica ou patrocinio do Concello de Pontevedra, tanto nos libros, folletos, carteis, informacións e material e documentación en xeral, como nos anuncios de difusión das actividades.
Así mesmo,   o importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, supere o custo total da actividade a desenvolver polo beneficiario.
De conformidade co artigo 33.3 da Ordenanza de impulso do uso do galego no Concello de Pontevedra, aprobada polo Pleno do Concello o 23/07/2004 (BOP número 231 do 30/11/2004) as publicacións, a cartelería, a publicidade e toda produción escrita das actividades da asociación beneficiaria da subvención deberá estar en lingua galega.
CUARTA.- Para o seguimento das actuacións previstas e a solución de calquera controversia que xurda en canto á interpretación dos termos do presente convenio, constitúese unha Comisión de Seguimento integrada polo alcalde ou concelleiro/a no que delegue e o presidente da asociación.
QUINTA.- O presente convenio de colaboración entrará en vigor no intre da súa sinatura e terá unha vixencia limitada ao presente exercicio.  As actividades e xustificacións de gastos terán que referirse ao ano como período completo, rematando coa resolución que poña fin á xustificación da aplicación da contribución do Concello, que se xestionará e renderá ante esta administración municipal consonte coa forma establecida no procedemento xeral disposto no artigo 19 da Ordenanza municipal de subvencións, como acto obrigatorio da asociación que acredite o seu cumprimento.
Segundo o disposto no art. 19.3 da antedita Ordenanza, o prazo para a presentación da conta xustificativa da subvención será de tres meses dende a finalización do prazo para a realización da actividade, que en todo caso non poderá exceder do 31/03/2013.
SEXTA.- Serán causas de extinción deste convenio a realización do seu obxecto, así como o incumprimento total ou parcial de calquera das súas cláusulas, mediando neste caso, denuncia previa das partes asinantes.
En proba de conformidade, as partes subscriben e asinan o presente convenio, por triplicado exemplar e a un só efecto, no lugar e data ao principio indicados, quedando un exemplar en poder de cada unha delas.