A regatista Támara Echegoyen recibe ánimos na súa pugna por clasificarse para a Olimpíada de Londres

68

Moita sorte. Iso foi o que lle desexou o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, á regatista pontevedresa Támara Echegoyen, que está moi preto de clasificarse para representar a España na Olimpíada de Londres na nova categoría de Match Race.
O concelleiro felicitou á deportista pola súa brillante actuación na recente regata de Cayo Vizcaíno (Estados Unidos), onde  rematou segunda, o que serviu para clasificar a España para a cita olímpica. Agora, sendas probas a celebrar en abril en Mallorca e Hyères (Francia), servirán para que a Federación Española decida a tripulación que competirá en Londres. A pugna cínguese ás capitaneadas por Támara e pola catalá Silvia Roca.
Agustín Fernández reflexionou sobre a rendibilidade social do investimento en deporte base, dado que se traduce en resultados tan destacados como o que está a acadar a deportista pontevedresa, un aspecto no que Támara estivo totalmente de acordo.
A regatista explicou que o traballo ao mando do seu barco é ante todo unha labor de equipo, que require de moita coordinación das habilidades e esforzo físico das tres tripulantes. Ao tempo, adiantou que ten confianza en que as cousas saian ben e poder clasificarse para os Xogos.
A categoría Match Race é olímpica dende hai poucos anos. En Londres introducirá por vez primeira a utilización de iates tipo “Elliott 6 metros”, unha embarcación rápida e moi áxil. Esta categoría consiste en regatas ao sprint e combates un a un sobre circuítos segredos que se designan momentos antes da bucina de saída, polo que require de moita experiencia e capacidade de adaptación ás condicións do campo de regatas.