A Xunta de Goberno acorda deixar sobre a mesa o Plan Xeral

61

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá unha proposta presentada polo concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera sobre a tramitación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O acordo di o seguinte:

  1. Visto que o Concello de Pontevedra pretende a aprobación por parte da Xunta dun novo PXOM con criterios de sustentabilidade, pero que contemple posibilidades contidas de ampliación dos solos aptos para edificar actualmente existentes, e que para acadar estes obxectivos contempla no documento do novo PXOM un 77% da superfície do Concello como de especial protección, un crecemento da capacidade residencial de arredor do 9% sobre a recollida no actual PXOU 90, e unha superficie produtiva de 6,6 millóns de m2.
  2. Visto que a Comisión Permanente do Pleno de Ordenación do Territorio, Infraestruturas e Obras (COTIO), escolleu, por unanimidade de todos os Grupos Municipais, e a proposta do P.P., a opción descrita no anterior apartado, desbotando a outra opción proposta polo Equipo Redactor do PXOM, consistente en manter aproximadamente ou con leves retoques á alza a edificabilidade do actual PXOU 90, opción mais restritiva pero que, aínda así, non sería válida para a Xunta.
  3. Visto que o Informe de Xaneiro de 2010 da Secretaría Xeral de Urbanismo, traducido a cifras pretende elevar a preto do 90% a superfície protexida, reducir nun 15% a capacidade residencial existente na actualidade no PXOU 90 en vigor, e pon pegas e dificultades severas a todos os polígonos industriais propostos.
  4. Visto que as portas que parecía abrirse nas entrevistas do Alcalde co Presidente da Xunta e co Conselleiro da CMATI para poder impulsar o novo PXOM e atopar vías para acadar un crecemento racional e contido, foron pechadas abruptamente pola CMATI-Secretaría Xeral de Urbanismo coa súa nota de prensa do 20 de Xaneiro de 2012 e coa posterior información verbal, esixindo expresamente o cumprimento das condicións impostas no Informe de Xaneiro de 2010 que fan absolutamente inviábeis as previsións municipais para o novo PXOM que se recollen sinteticamente no apartado
  5. Visto que a Xunta impón que o Concello de Pontevedra ten que recoller obrigatoriamente no novo PXOM a ubicación actual de ENCE nas marismas de Lourizán como terreos industriais, feito ao que se opón o Goberno Municipal de Pontevedra de xeito rotundo.
  6. Visto que a documentación do novo PXOM tivo até o de agora un custe superior ao millón de euros, parte sufragado pola Xunta, e en parte aproveitábel para outros fins, pero que se necesitaría aumentar o gasto para elaborar nova documentación que, aparentemente, non tería ningunha funcionalidade dadas as condicións imposíbeis para levar a bo porto o novo PXOM que pon a Xunta no seu Informe de Xaneiro de 2010 e posteriores, sobre todo o recorte drástico nas posibilidades crecemento e a imposición dos terreos que ocupa ENCE como industriais, que van frontalmente en contra do aprobado unanimemente pola Corporación Municipal.

   E tendo en conta que hai un acordo do Goberno no sentido de que o novo PXOM e todos os seus trámites deberán ser por unanimidade,

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra

ACORDA:

   Propoñer a COTIO deixar en suspenso a tramitación do novo PXOM até que algún cambio substancial respecto á situación actual, sexa lexislativo (está anunciada unha nova Lei Urbanística), de criterio de interpretación da actual Lei, ou calquera outra circunstancia sobrevida, abra posibilidades reais de avanzar na tramitación do novo PXOM de Pontevedra cos criterios acordados unanimemente pola Corporación Municipal.

   Se calquera grupo político, desdecíndose do acordo unánime anterior, ou incluso a propia Xunta, vía coercitiva, pretende que o Concello siga coa tramitación coas condicións impostas pola Xunta, que é a Administración competente para aprobar o PXOM, poderíase reconsiderar este acordo e contemplar a posibilidade de adaptar o novo PXOM aos criterios da Xunta, sempre e cando, e con carácter previo, se comunique por escrito a este Concello, canto e onde hai que recortar, tanto no urbano como no rural, sobre o contemplado no PXOU 90 actualmente en vigor.