O Concello recupera o ámbito dos muíños de Pousadoiro en Campañó

58

As concelleiras Pilar Comesaña e Anxos Riveiro visitaron esta mañá os traballos de recuperación dos muíños do Pousadoiro, na parroquia de Campañó. Este proxecto segue a liña de recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico do rural pontevedrés, que xa está acompañado doutras actuacións similares noutras parroquias do concello.

Pilar Comesaña, concelleira delegada da parroquia de Campañó, visitou os traballos que consistiron na roza e posta en valor deste entorno, e que contará cunha segunda fase que acometerán os veciños de Campañó coa recuperación dos distintos muíños que seguen o cauce dun afluente do río Rons.

Debido á dificultade orográfica da zona, os traballos de roza tiveron que facerse a man por parte da Concellaría de Parques e Xardíns, nunha superficie duns 5.000 metros cadrados. Tamén se retiraron especies invasoras: eucaliptos e acacias, pero respectouse toda a vexetación autóctona que había na zona: salgueiros, carballos, amieiros…

O Concello continuará colaborando cos veciños para conxuntamente pór en valor esta senda dos muíños de Pousadoiro, próxima ao río, e que se converta nun dos puntos de reclamo da parroquia, e punto referente do patrimonio cultural e arquitectónico do concello de Pontevedra.