Asfaltado da rotonda de Doce de Novembro coa ponte dos Xulgados

103

A Concellaría de Mobilidade en coordinación coa Policía Local ten previsto o asfaltado da rotonda que une as rúas Doce de Novembro con Pintor Laxeiro e Teixoeira para os vindeiros luns e martes. Na actualidade o ámbito da rotonda está fresado e é preciso o seu asfaltado afectando o menos posible ao tráfico.

Os traballos comezarán o luns a partir das 10.00 horas, unha vez pasada a hora de entrada aos centros escolares. E continuarán ata as 13.00 horas. Tamén traballarán pola tarde. De ser necesario faranse remates durante a mañá do martes, seguindo o mesmo horario, pero a previsión é que o asfaltado remate o mesmo luns, se as condicións meteorolóxicas o permiten.

O asfaltado non obrigará ao peche total da rúa. Serán necesarios facer pasos alternativos, mantendo, especialmente, a conexión de Doce de Novembro con Pintor Laxeiro.

Estes traballos están enmarcados dentro das obras de axuste e consolidación das rotondas provisionais dos novos viais abertos coas obras do tren do Eixo Atlántico ao seu paso pola cidade. Xa se correxiu o entronque da ponte dos Xulgados con Pintor Laxeiro, e tamén se fresou a rotonda de Doce de Novembro, que a partir da vindeira semana será asfaltada.