O Concello inicia a selección do equipo xestor do novo programa de formación e inserción laboral “ILES”

71

O equipo encargado de dirixir e xestionar a nova edición da Iniciativa Local de Emprego Social (ILES) durante os próximos tres anos comezou hoxe a tomar forma. A Xunta de Goberno Local aprobou a selección de tres orientadores laborais, dous técnicos en creación de empresas e un auxiliar administrativo. O equipo estará formado a principios de marzo e estará dirixido por un técnico municipal en Desenvolvemento Local.
A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, ten xa planificado o calendario do ILES para as anualidades de 2012, 2013  e 2014. O número estimado de alumnos/as é de 390 e serán elixidos entre persoas en paro empadroadas en Pontevedra. Os alumnos/as desempregados que non estean cobrando a prestación por desemprego teñen, ademais, dereito a unha beca de asistencia.
Nos próximos meses iranse contratando os máis de 100 docentes encargados de impartir os diferentes cursos. Polo tanto, subliña a responsable da Concellería, o ILES mobilizará e retribuirá a máis de 500 persoas entre o equipo xestor, persoal docente e alumnado.
Carlota Román destaca o enfoque eminentemente práctico da formación que se vai impartir, así como o esforzo por levar a cabo itinerarios de inserción laboral a través de prácticas nas empresas. O propio perfil do equipo xestor, con predominio das figuras dos orientadores laborais e os técnicos en creación de empresas dá boa idea dos fins perseguidos. A idea, destaca a concelleira, é que nesta edición se poña aínda máis énfase no autoemprego e o apoio aos emprendedores.
O Concello de Pontevedra xestionará un orzamento total de 1.363.624 euros, dos que 1.090.899 euros proceden da subvención do Fondo Social Europeo, mentres que o resto corresponden á achega municipal.
A concelleira destaca que na última edición do ILES acadouse un índice de inserción laboral do 56% (242 alumnos atoparon traballo e asinaron un total de 315 contratos). As prácticas son fundamentais para acadar estas cifras. Nesta nova edición está previsto contactar con 300 empresas da provincia de Pontevedra e preténdese asinar convenios de colaboración cunhas 200.
Finalmente, Román destaca os elevados índices de satisfacción entre as persoas que realizan os cursos e pasan a formar parte do programa ILES. Nas enquisas realizadas, a puntuación media foi de 4,65 puntos sobre un máximo de 5.