Pontevedra acolle este domingo o Campionato Galego de Marcha, ensaio xeral do Campionato de España

75

O circuíto “fluvial” proposto pola Concellería de Deportes e homologado nas últimas semanas pola Federación Española de Atletismo acollerá este domingo o Campionato Galego de Marcha Atlética. A proba, que foi presentada oficialmente hoxe, será o preludio do Campionato de España que a cidade acollerá o próximo 4 de marzo.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández González, cualificou este Galego como un dobre ensaio con vistas á gran cita de marzo. Será un ensaio para os atletas, que probarán sensacións reais sobre o mesmo terreo, pero tamén un ensaio para a organización, que debe afrontar retos importantes. Á presentación acudiron o presidente da Federación Galega, Isidoro Hornillos; o coordinador técnico e dobre olímpico, Santiago Pérez, e varios atletas e adestradores, ademais do presidente da Sociedad Gimnástica, Ramón Touza.
O concelleiro explicou que outra das vantaxes deste circuíto é que afectará moi escasamente á circulación rodada. Unicamente obriga a cortar o tramo da avenida de Bos Aires entre as pontes de Santiago e dos tirantes, así como a rúa de Rafael Areses. Nas propias pontes compatibilízase a proba co tráfico grazas ao uso de diferentes calzadas.
O campionato galego comeza ás 11 horas e a última saída está prevista para as 12.30 horas. A entrega de trofeos será sobre as 13.30 horas. Deportes optou por situar o pódium na propia rotonda da ponte dos tirantes para que a figura da ponte atirantada exerza como un fondo espectacular e realce a propia cerimonia.
Isidoro Hornillos amosouse encantado do avance dos preparativos desta primeira gran cita importante para o deporte galego. Santiago Pérez definiu o circuíto pontevedrés como impecable tecnicamente, chan, rápido e idóneo para intentar acadar as mínimas olímpicas. A homologación saldouse cunha distancia exacta de 2.000 metros. Resaltou que só seis circuítos en todo o mundo están homologados para acadar a clasificación olímpica. Esta circunstancia deriva en que os atletas portugueses terán que acudir ao Campionato de España, que deste xeito, na práctica, converterase nun Campionato Ibérico.
Finalmente, destacou que do Campionato Galego sairán os integrantes da Selección Galega que participará no de España. As aspiracións son máximas. Se o ano pasado, en Benicássim houbo tres podiums por equipos e un cuarto posto, aspírase a igualar ou mesmo mellorar.
En canto á participación agárdase a presenza duns 120 atletas, entre os que haberá que estar moi atentos a Lorena Luaces e Eva María Iglesias (ambas preseleccionadas para Londres) e aos juniors Francisco Durán e Rocío Carbia (preseleccionados par ao Mundial Junior que se celebrará en agosto en Barcelona).
Francisco Durán, presente na rolda de prensa, dixo que o circuíto gústalle moitisimo. O seu perfil chan invita a boas marcas, engadiu. Adiantou que a marcha pontevedresa ven pegando moi forte porque veñen aí atletas cadetes da categoría de Daniel Chamosa e, finalmente, comprometeuse ao máximo esforzo por parte de todos os atletas locais para agradecer a implicación do Concello e de toda a cidade en xeral.
Finalmente, o concelleiro de Deportes concluíu animando a todos os pontevedreses e afeccionados ao atletismo para que se acheguen ás marxes do Lérez para presenciar unha proba que vai ser espectacular e que volverá situar a Pontevedra no cumio do deporte galego.