O Concello de Pontevedra colaborará coa Xornada por un medio rural galego vivo

89

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá a dous membros da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira Martínez (presidente) e Claudio Quintillán para informarlle sobre a futura celebración dunha xornada por un medio rural galego vivo. Estará organizada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Confederación Intersindical Galega (CIG), a Federación Rural Galega (Fruga) e a Organización Galega de comunidades de montes que terá como obxectivo a creación dunha alianza pola defensa do medio rural.

A xornada celebrarase o vindeiro 20 de abril no concello de Poio, pero a véspera está prevista unha recepción oficial no Concello de Pontevedra e unha cea no Pazo da Cultura no que participarán as delegacións convidadas (Portugal, Euskadi, Baleares e Asturias) e na que se debatirán determinados temas sobre o medio rural.

O alcalde de Pontevedra, que ofreceu toda a colaboración do Concello, tamén estará presente na inauguración da xornada como presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo. Nesta xornada está previsto falar sobre políticas de desenvolvemento rural, debatir sobre un medio rural multifuncional e sustentábel ou expoñer diversas experiencias de desenvolvemento rural coa participación de convidados de Galiza, Asturias, Euskadi, Cataluña ou Portugal.