Carlota Román destaca as virtudes do comercio local durante a entrega dos premios da campaña de Nadal de Aempe

36

As tres clientas do comercio local agraciadas na campaña de promoción «Este Nadal é cousa nosa» acudiron esta mañá ao Concello para recibir os produtos adquiridos con cargo aos premios que obtiveron no sorteo realizado. A campaña serviu para repartir bonos entre os compradores por un importe total de 15.000 euros.
A campaña está organizada por Aempe no marco do convenio de financiamento que ten asinado coa Concellaría de Actividade Económica. A concelleira, Carlota Román García, destacou a aposta municipal pola cooperación coas asociacións e entidades empresariais da cidade, especialmente nuns momentos difíciles nos que é preciso facer os máximos esforzos para tirar do consumo. Carlota Román afirmou que paga a pena comprar en Pontevedra porque é cómodo, fácil e, ademais, atópase unha gran cantidade de produtos.
A representación de Aempe estivo encabezada polo seu presidente, José María Corujo; vicepresidente, Luis Redondo e a súa vicesecretaria, Concepción Pereiro. Aempe destacou que durante a campaña entregáronse un total de 30.900 cupóns, o que supón un importante incremento sobre anos anteriores. A maioría das compras foron realizadas por veciños de Pontevedra, aínda que tamén participaron clientes de toda a comarca e diversos puntos da provincia.
A agraciada co premio de 3.000 euros, Nimia Braña Gómez, recolleu os seus regalos, xunto coas dúas premiadas con vales de compra por valor de 1.000 euros: Isabel Corredoira Corbacho e Rosa María Pérez Abelleira. O resto dos galardóns consistiron en 10 bonos de compra valorados en 300 euros, 20 bonos de 200 euros e outros 30 de 100 euros. Finalmente, houbo premios para os establecementos participantes na campaña que entregaron os cupóns dos premios principais.