As subvencións aos clubs deportivos da cidade reduciranse este ano só nun 2,45%

33

Os orzamentos municipais 2012 manteñen a aposta polo Deporte local. Así o afirma o concelleiro Agustín Fernández, quen hoxe avanzou as grandes cifras que vai manexar a súa concellería e que equivalen a unha suma total, por todos os conceptos, de 2.157.072 euros.
O Instituto Municipal de Deportes (IMD) leva a maior parte, cun total de 1.215.000 euros (un 90% procedente da achega municipal e o resto de ingresos propios). A rebaixa con respecto ao ano anterior queda en 50.000 euros. Agustín Fernández anticipou que a partida destinada a subvencións aos clubs baixa de 559.500 a 545.914 euros. Isto supón unha redución para os clubs de só un 2,45%. “Non estou contento, pero si moderadamente satisfeito porque garantimos que o recorte sen faga sen que as economías dos clubs sufran”, destacou. O concelleiro mesmo puxo un exemplo gráfico: un club que viñera cobrando 1.000 euros pasará a cobrar 975,5 euros. O concelleiro concluíu que, por tanto, cómpre trasladar unha mensaxe de tranquilidade ao tecido deportivo da cidade que, de seguro, temía un recorte maior.
Por outra banda, Agustín Fernández anunciou unha simplificación na estrutura das subvencións. As tres liñas existentes na actualidade quedarán en dúas: a Anual e a de Promoción da Actividade Física e o Deporte (na que se integran as correspondentes a pequenos eventos e escolas deportivas). A elo poderían engadirse convenios por federacións que agruparían actividades varias ao longo do ano. Todo co obxectivo de reducir papeleo e burocracia e axilizar os cobros.
En canto aos gastos da Concellería de Deportes, Fernández destacou a aposta polos grandes eventos deportivos na cidade, dos que xa se celebrou o torneo ITF de tenis e están por chegar o Campionato de España de Natación para categorías de mozos, os campionatos galego de España de Marcha, o Campionato de España de Triatlón e a Volta a España. A eles sumaranse outros eventos aínda en fase de negociación. A partida global é de 225.000 euros, uns cartos que Fernández definiu como “un investimento”, na medida en que serven para promocionar Pontevedra e xeran actividade económica.
No apartado de Investimentos subliñou que, a pesar da crise económica, mantéñense as partidas para o campo de herba sintética de Marcón (62.000 euros), os últimos retoques no campo de herba sintética de Monte Porreiro (77.750 euros) e o convenio para o centro deportivo da Parda (200.000 euros dos 600.000 que lle resta por achegar ao Concello no marco do convenio coa Xunta). O responsable da Concellería anticipou, complementariamente, a posible posta a disposición dos clubs de novos pavillóns escolares na liña de seguir optimizando as instalacións e descargando as máis saturadas.