Á espera dun informe da Xunta para decidir o futuro do Plan

80

A Comisión de Infraestruturas acordou esta mañá agardar o informe técnico que a Dirección Xeral de Urbanismo quedou de enviar ao Concello de Pontevedra, nun prazo de quince días, sobre a reunión que mantiveron o pasado vernes, 20 de xaneiro, os técnicos municipais do Concello con responsables deste departamento da Xunta de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas.
Segundo explicou o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera durante a reunión pasouse a información sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal relativa ás grandes cifras: a posibilidade de construír 30.000 vivendas nos próximos 20 anos, tendo en conta que 24.000 das vivendas xa están contemplados no actual PXOU e, polo tanto, autorizadas e legais. A pretensión real do Concello é incrementar a edificabilidade residencial en 6.000 vivendas de cara aos próximos 20 anos.
César Mosquera explicou que a reacción da Xunta de Galicia á citada reunión expresouse mediante un comunicado público no que se criticaba ao Concello de Pontevedra por non cambiar o Plan logo do informe en contra emitido no ano 2010. “Para os técnicos municipais foi unha sorpresa que aparecese esta nota porque non se corresponde co que alí se falou. Está claro que existe unha determinación política contraria á aprobación do PXOM, contraria ao acordo unánime da Comisión de Infraestruturas e ás determinacións que leva o Plan”.
O concelleiro de Infraestruturas lembrou que “quen aproba o Plan é a Xunta de Galicia, e finalmente será o que a Xunta diga. Nós, dende o Concello, seguiremos pondo máis esforzos, cartos e tempo para conseguir aprobar o Plan”. E ante as críticas que aseguran que o Concello de Pontevedra non quere aprobar o Plan espetou “que gobernante pasa sete anos gastando cartos, enerxías e tempo para algo que non quere?”
César Mosquera asegurou que “esta situación é insostible. Se a Xunta de Galicia ten competencias en materia de urbanismo e finalmente vai ser quen aprobe o Plan, pois que as exerza, pero non podemos estar a que os concellos propoñan e que eles o tumben todo”.
Ante todo, o concelleiro de Infraestruturas quixo mandar unha mensaxe de tranquilidade á población de Pontevedra “Os cidadáns teñen que ter claro que nos non imos sacar adiante un Plan que recorte o actual, polo que agardo que aínda haxa unha ventá á esperanza”.
De feito, César Mosquera apuntou que Pontevedra está sendo xestionada urbanisticamente por un Plan Xeral do ano 1989 “que é bo. As desfeitas como a eliminación de toda a fronte litoral da cidade (A Moureira) xa están todas feitas, así que Pontevedra non quedará mal”. Explicou que “nós so pretendíamos mellorar o Plan e ampliar un pouco o que xa temos, pero si a Xunta di que non, pois mala sorte. Seguiremos intentándoo, pero se a Xunta di que non, quedaremos sen el”.