Santo André de Xeve estrena o plan de bacheo e mantemento das pistas das parroquias do rural

84

O Concello de Pontevedra inicia o luns, 23 de xaneiro, traballos de bacheo e reparación nun grande número de pistas na parroquia de Santo André de Xeve. O concelleiro delegado desta parroquia, Demetrio Gómez explicou que o propósito é prolongar a vida útil destes viarios do rural que estando nun relativo bo estado de conservación, si precisan traballos de mantemento ou bacheo para facer máis fácil o tránsito rodado e peonil.

Os traballos comezarán o luns polo lugar de Pilarteiros, e as pistas que están incluídas dentro deste plan que irá executando progresivamente a brigada municipal de obras son:

• Pistas en dirección á Torre, Pozo e Couso
• Pistas en dirección á Illa de Cous
• Pistas en dirección a Pilarteiros e baixada de aquí á estrada xeral.
• Pistas en Fragoso:
o Baixada ao Campo e Carreira
o Suba aos números 3 e 5
o Costa
• Pistas en Maúnzo:
o Suba a Taboada
o Travesía de Maúnzo a Fontáns
o Travesía a Piñeiro
• Pistas de suba á Igrexa dende a estrada de Bora (Aquí eliminarase un punto negro do rural dado que é un lugar no que se rexistrou algún accidente de tráfico).
• Pista do Bar Rei á Igrexa

O propósito do concelleiro Demetrio Gómez é ir estendendo estes traballos de bacheo e mantemento de pistas a todas as parroquias das que é delegado territorial: Marcón, Verducido, Salcedo, Lourizán, Bora e Santa María de Xeve, ademais de Santo André que é por onde se comeza. Terán unha programación temporal e seguiran criterios de máis a menos urxencia, de existir esta necesidade.

Demetrio Gómez confirmou que estes traballos están sendo consensuados e tratados cos veciños de Santo André (neste caso), aínda que non figuran no Plan da Parroquia cuxa elaboración comezará en breve. De todos os xeitos, o Concello xa adiantou que todos aqueles traballos de mantemento, de escasa entidade, pequenos, de urxencia… que fosen necesarios iniciar nas parroquias, a pesar de non estar incluídos no Plan, iranse facendo en coordinación cos veciños durante estes primeiros meses en que se pon en marcha toda a maquinaria do programa Pontevedra Participa!

É neste suposto onde se inclúen os traballos que o concelleiro Demetrio Gómez iniciou na parroquia de Santo André de Xeve nas últimas semanas, como a recuperación dos lavadoiros e fontes da Senda das fontes, ou agora o bacheo e mantemento dalgunhas das pistas da parroquia.