O torneo de tenis ITF junior xerou unhas 650 pernoctas na cidade e un retorno económico duns 300.000 euros

84

Un éxito deportivo, económico e turístico para a cidade de Pontevedra. Así definiu hoxe o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández González, o torneo de tenis junior ITF celebrado nas instalacións do Casino Mercantil e Industrial durante a primeira semana deste mes. O concelleiro valorou os resultados nun acto no que tamén participou o vicepresidente da entidade recreativa, Vicente Peña.
Agustín Fernández constatou a satisfacción da Concellería de Deportes polos resultados acadados a nivel deportivo, tanto pola calidade da competición como pola importante afluencia de público. Anunciou que o Concello manterá o seu apoio para que o torneo poida manterse nos próximos anos e mesmo anticipou a intención do seu departamento de asinar un convenio de colaboración que permita abrir as instalacións deportivas de Mourente ao público pontevedrés.
A presenza en Pontevedra dos 120 tenistas junior, xunto cos seus equipos técnicos, acompañantes e representantes das federacións de varios países traduciuse na contratación de 594 pernoctas, con almorzo e cea incluídos, a través da organización do torneo, ás que hai que sumar as que se tramitaron directamente. Polo tanto, a cifra total debe estar en torno a 650 pernoctas. O número de comidas servidas no restaurante do parque do Casino Mercantil e Industrial foi de 801.
Agustín Fernández estimou que impacto económico na cidade, estimado inicialmente en 200.000 euros, chegou aos 300.000, o que confirma o acerto de apostar por este tipo de eventos.
O concelleiro ten xa pechada a programación de grandes eventos deportivos para o primeiro trimestre deste ano, que vai ser absolutamente espectacular, pois, a continuación do torneo ITF de tenis, a cidade acollerá o Campionato de España de Natación para mozos/as en febreiro e o Campionato de España de Marcha atlética (absoluto e por idades) en marzo. A estas tres citas súmase agora o Campionato Galego de Marcha, que chegará o 5 de febreiro. Agustín Fernández confirmou a proba, que se desenvolverá no mesmo circuíto que o campionato Nacional. O Galego servirá así de banco de probas tanto para a organización como para os atletas galegos, que terán a vantaxe competitiva de probar sensacións sobre o mesmo terreo no que un mes despois terán a oportunidade de intentar a cualificación para a Olimpiada de Londres.
O concelleiro subliñou que trátase dunha programación deportiva que coincide coa temporada baixa turística e que supón a ocupación de máis de 2.000 prazas de hotel. A elo sumaranse outros eventos ao longo do ano, capitaneados pola Volta Ciclista e o Campionato de España de Triatlón. Ao longo do ano estímase que daranse ocupado entre 7.000 e 8.000 prazas de hotel.
Vicente Peña, máximo responsable da organización do torneo ITF de tenis, comezou agradecendo a colaboración do Concello de Pontevedra, a Deputación Provincial e a Brilat, que fixo posible a celebración deste evento. Sen embargo, non quixo esquecerse do traballo desenvolvido polos voluntarios-socios do Mercantil, que se ocuparon de todas as cuestións loxísticas e proporcionaron un apoio moi valioso á organización, evitando ou abaratando moitos custos.
O Mercantil superou todas as súas expectativas con esta primeira edición, destacou. A maior alegría chegou pola satisfacción expresada polos tenistas participantes, que valoraron moi positivamente o nivel organizativo. Así as cousas, non se descarta intentar ascender na categoría do torneo no ano próximo, chegando ao grao 2.
Tamén quixo agradecer a colaboración da Federación Galega de Tenis e de Diario de Pontevedra, que fixeron posible a presenza física na cidade do torneo da Copa Davis recén conquistado en Sevilla, un plus que os afeccionados ao tenis valoraron especialmente.