O Concello traballa na musealización de parte dos achádegos de Valentín García Escudero

32

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará explicou esta semana que o Concello está a traballar no proxecto de cubrición e musealización dos achádegos arqueolóxicos da praza de Valentín García Escudero. Indicou que a Concellaría atopouse co obstáculo de que o Ministerio de Cultura, que outorgou unha subvención de 100.000 euros para a consolidación destes restos o pasado 17 de xullo, ten paralizada a materialización desta subvención.
“A pesar das numerosas xestións realizadas, temos confirmado que a subvención está paralizada polo Ministerio de Facenda”, explicou Luís Bará polo que pediu aos membros do grupo municipal do Partido Popular “que fagan xestións oportunas para desbloquear esta subvención, dada a influencia que agora teñen no Goberno Central”.
Por outra banda, o concelleiro explicou que “estase traballando no anteproxecto e mantendo conversas coa Dirección Xeral de Patrimonio sobre a conservación e musealización de todos estes achados”. O Concello quere apostar por conservar 400 dos 4.000 metros cadrados da escavación especialmente aquela na que se atopan os arcos da vella ponte e do peirao medieval; e recuperar o resto do espazo como praza pública e parque.
Os técnicos municipais están a traballar neste proxecto e nas vindeiras semanas será trasladado á Dirección Xeral de Patrimonio para ser debatido
Luís Bará asegurou que o Concello quere apostar por conservar estes achados e facer un esforzo neste sentido. Confirmou que é coñecedor das peticións dos veciños “pero o Goberno local ten que tomar unha decisión final tendo en conta a riqueza arqueolóxica que se atopou na praza e tendo en conta que haxa unha atracción nestes punto do centro histórico que está en evidente declive”.
O Concello declinaría nas súas intencións se houbese problemas de financiación, de aí a necesidade de conseguir a subvención concedida polo Ministerio de Cultura que está pensada para:

  • Estudo de conservación de materiais mobles de madeira, incluíndo, datacións radiocarbónicas.
  • Estudo de estado conservación estruturas inmobles (factores alteración, patoloxías, propostas de tratamento)
  • Traballos de conservación preventiva de estruturas inmobles
  • Estudos e informes históricos
  • Estudo crono-estratigráfico, con datacións radiocarbónicas
  • Estudo xeoquímico e mineralóxico
  • Dixitalización  3D de estruturas inmobles
  • Restauración materiais mobles (madeira, cerámico, orgánico)
  • Actuacións arqueolóxicas