Antón Louro anuncia no Campo da Torre o seu programa de obras de reforma urbana para este mandato

60

O concelleiro de Urbanismo e Obras Urbanas, Antón Louro Goyanes, presentou hoxe o seu programa de actuacións para este mandato. Foi no Campo da Torre, a carón da praza de touros, a onde se desprazou acompañado de técnicos municipais e mantivo un primeiro encontro cun grupo de veciños da zona.
Antón Louro dispón xa de memorias valoradas das futuras obras a acometer durante este mandato municipal e con cargo a financiamentos plurianuais. Serán proxectos integrais que mellorarán a superficie, dando prioridade aos usos residenciais e peonís, pero tratando de compatibilizalos co tráfico rodado e a necesidade de aparcamento. O concelleiro agarda que cara o mes de setembro podan realizarse as primeiras adxudicacións.
A pé de rúa, no Campo da Torre, Antón Louro comprometeuse a facer unha reforma respectuosa coa historia do lugar, pero moderna na súa funcionalidade. O importe total neste ámbito aproximarase a 1,3 millóns de euros. Anticipou que haberá un maior tratamento peonil, gañando espazo ao aparcamento incontrolado existente na actualidade. As prazas que queden, destacou, darán prioridade aos residentes. Nos próximos meses, cando o proxecto estea redactado, manterá unha xuntanza cos veciños para presentárllelo e recoller suxestións.
O concelleiro significou que, ademais do Campo da Torre, ten previsto actuar sobre a rúa de Santa Clara, incluíndo a praza de José Martí, ata xusto antes do convento de Santa Clara. Tamén incluíu na programación ao barrio de vivendas sindicais de Fontesanta e a zona das Corvaceiras no entorno do porto.
Finalmente, Louro contempla unha única actuación na zona máis céntrica da cidade: a rúa de Loureiro Crespo. Cubrirase o tramo entre Cobián Areal e a vía do tren, abarcando toda a fronte do Hospital Provincial, unha actuación que resulta fundamental para solucionar o problema do estrangulamento da rede unitaria de saneamento e pluviais nun dos principais eixes urbanos de Pontevedra. Os técnicos aproveitarán o desdobramento xa realizado en Joaquín Costa e na ponte sobre o tren que está a construír o ADIF, para separar completamente as augas pluviais das fecais, dándolles saída por Loureiro Crespo e Casimiro Gómez. Acabarase así co problema histórico das inundacións en toda a zona Leste da cidade, e moi especialmente na área de Pedra do Lagarto e Conde de Bugallal.