Unha exhaustiva campaña informará da prohibición de carga e descarga na praza da Peregrina

39

A Concellaría de Patrimonio Histórico inicia esta semana unha exhaustiva campaña informativa sobre a modificación do Bando de carga e descarga no centro histórico, excluíndo a praza da Peregrina, que entrará en vigor o vindeiro luns, 9 de xaneiro. A campaña farase especialmente nos comercios e establecementos da contorna da praza e entre os seus proveedores.

Cabe lembrar que a modificación do bando exclúe a praza da Peregrina dos espazos nos que se autorizan as operacións de carga e descarga de mercadorías no Centro Histórico e viario periférico, por mor da declaración como ben de interese cultural, coa categoría de monumento, do Santuario da Nosa Señora do Refuxio A Divina Peregrina, polo que queda prohibido efectuar nesa praza operacións de carga e descarga.

A concellaría que xestiona Luís Bará distribuirá 200 carteis entre os comercios das rúas da contorna, con especial incidencia nas Galerías da Oliva; 2.000 flyers para que circulen entre comerciantes e repartidores, e tamén para uso da Policía Local que con carácter informativo pode entregarllos aos repartidores; tres vallas de obra forradas de lona para o lugar durante algúns días (xa están colocadas). A campaña completarase con información nas páxinas webs municipais e tamén con comunicación directa coas distintas empresas de transporte e repartos.

A Concellaría de Patrimonio Histórico lembra que a carga e descarga é un servizo necesario para vitalidade do centro histórico, que debe ser compaxinada coa recente declaración de BIC e a necesidade de potenciar un dos símbolos icónicos de Pontevedra, como é a Peregrina. Para iso, acordouse a modificación do Bando de carga e descarga neste ámbito, polo que se recomenda utilizar a praza de Ourense (entre Benito Corbal e a praza da Ferraría). Cabe lembrar que o horario de Carga e descarga do centro histórico é de 8 a 12 e de 16 a 18 horas.
 

Ver documento PDF