O Concello aforra 175.000 euros no aluguer dun baixo na rúa Arcebispo Malvar

48

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Persoal e Patrimonio municipal, Vicente García Legísima visitaron esta mañá o edificio do Concello da praza de España onde se trasladaron unha parte dos servizos municipais, logo de que o Concello deixase o local que tiña alugado na rúa Arcebispo Malvar.

O concelleiro de Patrimonio explicou que a data 31 de decembro finalizouse a contratación no local da rúa Arcebispo Malvar, que o Concello tiña alugado dende o ano 1997. Esta medida supuxo o traslado das dependencias que alí había a outras municipais “seguindo a liña de contención do gasto anunciadas, que suporá un aforro para o Concello de 175.000 euros nos catro anos de mandato”.

Con este motivo, “aproveitouse para facer unha pequena obra nos baixos da Casa Consistorial, con pouco máis de 30.000 euros, para situar a enxeñeiros e servizos comúns, nun ala, e a arquitectos e aparelladores, noutra ala”.

Con respecto aos servizos que estaban na rúa Arcebispo Malvar, trasladouse o departamento de Cultura e Festas á primeira planta da rúa Churruchaos, e Normalización Lingüística  á terceira planta. Tamén se agrupou todo o servizo de medio ambienta na primeira planta do mesmo edificio. Pola súa banda, o Centro de Información á Muller, trasladouse á planta baixa do Chalé dos Fontoira.

Vicente García Legísima explicou que na Casa Consistorial “continuarase cunhas pequenas obras de acondicionamento”. Comezarase polo tellado, e continuarase por outras como a carpintería exterior e o pintado e reparación da fachada. “Esta actuación farase seguindo esa mesma liña de contención que se fixo no acondicionamento dos baixos”, explicaba García Legísima.

Pola súa banda, o alcalde explicou que o que se pretende “é sacarlle a máxima rentabilidade aos recursos municipais”, por iso a reparación do Consistorio farase por fases “xa que é o edificio onde estivo o concello durante motio tempo, e siga tendo a importancia que debe ter na praza de España”.