A Concellería de Promoción Económica impulsa a contratación temporal de seis vítimas de violencia de xénero

54

Un grupo de seis mulleres pontevedresas desempregadas, vítimas de violencia de xénero, comezarán a traballar no Concello este próximo mes de xaneiro. A concellería de Promoción Económica, que dirixe Carlota Román, impulsou a súa contratación acolléndose ás subvencións para programas de Cooperación dirixidos ás entidades locais.
O Concello obtivo unha subvención de 152.037,36 euros, procedentes do Fondo Social Europeo e distribuídos entre as comunidades autónomas para a súa xestión administrativa polo anterior Ministerio de Política Territorial. O importe da subvención equivale aos custos salariais das traballadoras contratadas, ademais da cotización empresarial á Seguridade Social.
Os contratos con este colectivo terán unha duración dun ano e a xornada laboral será de 35 horas.
A concelleira indica que un Concello tan comprometido coa igualdade e a cohesión social como é o de Pontevedra está obrigado a realizar accións deste tipo. Falamos, indica, de persoas ás que debemos apoiar para que poidan superar a traumática experiencia da violencia machista, unha lacra que, a pesar dos avances producidos, segue a golpear con crueldade á nosa sociedade.
Sen embargo, como responsable dunha área tan ligada á dinamización económica e ao emprego, a concelleira pontevedresa considera que tamén hai que ter moi en conta que trátase dun colectivo de difícil reinserción laboral. Ao feito de seren mulleres, únese o deterioro psicolóxico que a convivencia cun maltratador pode producir, polo que cómpre mellorar a súa empregabilidade e acompañalas no primeiro paso para reintroducirse no mercado laboral.