As ludotecas de Nadal botan a andar cun amplo programa de animación para os seus 240 participantes

67

Unha visita do concelleiro de Educación serviu hoxe para constatar o comezo das tres ludotecas de Nadal que o Concello organiza durante estas vacacións coa colaboración da Federación de Asociacións de Nais e Pais (Fanpa-Pontevedra). Agustín Fernández optou por acompañar aos rapaces da ludoteca de introdución á lingua inglesa que está a celebrarse nas instalacións do colexio Álvarez Limeses.
Durante a visita, na que estivo acompañado polo presidente da Fanpa, Alberto Pita, o concelleiro constatou o bo desenvolvemento das actividades, nas que os rapaces pasan un rato moi agradable ao tempo que son introducidos de xeito lúdico nos conceptos básicos da comunicación en Inglés. A actuación do burriño “Donkey” deu a nota de cor á mañá.
O programa municipal de ludotecas “Escolas de Nadal” está en funcionamento dende finais da semana pasada coa totalidade das súas 240 prazas cubertas.
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, destaca que este ano, grazas ao esforzo municipal, aumentou substancialmente o número de prazas, o que permitiu que ningún solicitante quedara fóra.
As “Escolas de Nadal” están dirixidas a pequenos/as de entre 3 e 12 anos e celebraranse ata o 5 de xaneiro. O programa distribúese entre dúas ludotecas clásicas, que levan por nome “Un Nadal de xogo”, nos colexios de Barcelos e Campolongo; e a de inmersión lingüística, no colexio Álvarez Limeses.
Outras das novidades desta edición ten que ver co horario, que se ampliou nunha hora, o que fai posible para os pais deixar aos nenos/as ás 9 horas e recollelos ás 14 horas, nunha clara aposta pola conciliación entre a vida laboral e a familiar, tamén durante as vacacións do Nadal.