O éxito de “Sinte o Nadal” leva a Carlota Román a organizar novas campañas de dinamización comercial

78

O programa de dinamización comercial “Sinte o Nadal”, organizado pola Concellería de Promoción Económica, roza xa a participación de 12.000 persoas. Os últimos datos, cando van nove días dende a súa apertura indican que pasaron polas instalacións da praza de España un total de 11.666 persoas, o que supón 3.969 máis que o ano pasado.
Ao recinto, composto polo iglú de actividades infantís e o tiovivo, accédese despois de presentar un tique de compra no comercio pontevedrés. Isto permite facer unha avaliación da repercusión económica da iniciativa municipal. Os tiques presentados totalizan xa 201.209 euros, o que supón 62.191 euros máis que o ano pasado.
Diante destas cifras, a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román García, considera que o traslado á praza de España confírmase como un acerto. Destaca tamén que o seu departamento ten que seguir apostando pola celebración deste tipo de actividades para apoiar campañas comerciais específicas ao longo do ano, sempre en colaboración coas entidades comerciais representativas: Aempe, AJE e Centro Comercial Urbano Zona Monumental.
A carpa-iglú de multiactividades e o tiovivo están a rexistrar un forte “tirón”, por diante do “trineo” do comercio, e constitúen os principais atractivos do programa.
“Sinte o Nadal” abre as súas portas ata o próximo 4 de xaneiro. O horario é de 11.00 a 14.00 da mañá e de 17.00 a 20.00 da tarde. O día 31 estará aberto só de mañá e 1 de xaneiro só de tarde.