Prohibida a carga e descarga na Peregrina dende o día 9

77

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará informou esta mañá, logo do acto de conmemoración de declaración de Ben de Interese Cultural do Santuario da Virxe Peregrina, que o bando de carga e descarga de mercadorías e servizos no contorno do santuario entrará en vigor o vindeiro 9 de xaneiro.

O bando lembra que “o pasado 13 de outubro de 2011, o Consello da Xunta de Galicia declarou o Santuario da Nosa Señora do Refuxio A Divina Peregrina, ben de interese cultural, coa categoría de monumento, a instancia e logo das reiteradas solicitudes formuladas por este Concello.

Este santuario de estilo barroco tardío, con solucións neoclásicas e clara influencia lusa, é un dos poucos exemplos de igrexas con planta central e a súa construción iniciouse no 1778, baixo a dirección de Antonio de Souto contando coa colaboración de Bernardo Xosé de Mier. Está erguido nun terreo fóra das murallas da cidade medieval nas proximidades da porta das Trabancas, pola que xa daquela entraban en Pontevedra os peregrinos que viñan de Portugal para se dirixiren a Santiago de Compostela. E constitúe, ademais dun dos elementos do patrimonio cultural máis importantes e  identificativos esta Boa Vila, un dos fitos monumentais máis visitados e fotografados polo viaxeiros e turistas que, cada día en maior número, nos visitan, moi vencellado ao Camiño Portugués a Santiago, precisamente onde este penetra no centro histórico da cidade declarado conxunto histórico artístico.
Como a veciñanza coñece, este Concello ten adoptado unha serie de medias e actuacións no Centro Histórico de Pontevedra destinadas a primar o tránsito das persoas en detrimento da saturación de automóbiles, coa acadada finalidade de recuperación deste espazo para o goce da cidadanía, do fomento da convivencia e socialización a escala humana, da promoción turística e da mellora socio-económica deste eido central da cidade. Estas medidas comezaron coa declaración como zona de absoluta preferencia peonil levada a cabo mediante Bando de 7/08/99 que tamén dispuña unha regulación das operacións de carga e descarga moi ampla e irrestrita, como unha das excepcións da decidida peonalización.
Por mor da experiencia acumulada dende a declaración de peonalización, o 15 de novembro de 2006, esta Alcaldía ditaba un Bando de Carga e Descarga de Mercadorías e Servizos no Centro Histórico de Pontevedra que contén unha nova regulación mais acaída das operacións de carga e descarga nese eido central ca cidade, mediante o establecemento dunhas limitacións horarias, semellantes ás establecidas con carácter xeral no Bando de carga e descarga de 8 de abril do 1998, se ben coas debidas adaptacións ás peculiaridades da zona, coa finalidade de evitar certos problemas e disfuncións provocados por casos illados de abuso reiterado nas referidas operacións, que incidían negativamente nos obxectivos da peonalización. 
O devandito Bando do 2006, determina que as operacións de carga e descarga de mercadorías no Centro Histórico deste Concello, declarado conxunto histórico artístico, levaranse a cabo de conformidade co disposto no artigo 16 do Regulamento Xeral de Circulación, aprobado por Real Decreto 1428/03, de 21 de novembro e coa estrita observancia das normas establecidas no artigo 63 da Ordenanza Municipal reguladora da circulación nas vías urbanas do municipio, con medios suficientes para acada-la máxima celeridade e procurando evitar ruídos e molestias innecesarias, quedando prohibido depositar a mercadoría no viario desta zona peonil, incluíndo expresamente, a efectos dese bando, unha serie de vías perimetrais do conxunto histórico como a praza da Peregrina situada no contorno do Santuario da Peregrina.
Dado que estas operacións de carga e descarga na praza da Peregrina, pola amplitude de horario e afluencia de vehículos, están a xerar disfuncións e a impedir unha correcta visualización e apreciación da fachada principal do monumento e en consonancia coa propia ordenación xurídica implícita na declaración específica de BIC, estimase necesario ditar un novo bando que leve a cabo unha modificación puntual na regulación da carga e descarga no Centro Histórico para excluír este espazo do eido no que se admiten estas operacións, e deste xeito cohonestar esforzos para a posta en valor do monumento e primar políticas favorecedoras da súa contemplación e visualización”.

Con esta argumentación o bando dispón:

Primeiro.- Excluír a Praza da Peregrina dos espazos nos que se autorizan as operacións de carga e descarga de mercadorías no Centro Histórico deste Concello e viario periférico, por mor da declaración como ben de interese cultural, coa categoría de monumento, do Santuario da Nosa Señora do Refuxio A Divina Peregrina, polo que queda prohibido efectuar nesa praza operacións de carga e descarga.

Segundo.- As operacións de carga e descarga e de estacionamento para servizos deberán efectuarse nas restantes zonas que se habilitan polo Bando de Carga e Descarga de Mercadorías e Servizos no Centro Histórico de Pontevedra ditado o 15 de novembro de 2006 e nos horarios e condicións que no mesmo se estabelecen. A referida exclusión non afecta aos servizos públicos como as emerxencias.

Terceiro.- Asemade, disponse que calquera tipo de evento ou acto a desenvolver na praza da Peregrina, deberá de contar con informe técnico, previo á correspondente autorización, que verificará que as instalacións temporais e desmontables, mínimas e imprescindibles para a realización do acto, non incidan na apreciación nin deterioren a vista do monumento. Igualmente, e por idénticas cautelas, quedará suxeito ao réxime de autorización previa a instalación de elementos aéreos como poden ser as pancartas e outros elementos de semellante natureza.

Cuarto.- O presente bando entrará en vigor ás 8,00 horas do día 9 de xaneiro do  2012, debendo procederse á publicación do seu texto íntegro nos medios de comunicación social, no BOP, Taboleiro de Anuncios do Concello e na páxina web https://www.pontevedra.eu, así como, no seu caso, á instalación da sinalización axeitada por parte da Brigada Municipal competente.