O Consello do Asesor do Patrimonio estuda o Plan do Patrimonio do Rural

88

A Concellaría de Patrimonio Histórico celebra esta tarde a primeira xornada de traballo do Consello Asesor do Patrimonio que comezará cunha visita ao conxunto patrimonial de Ponte Bora, a partir das 17.15 horas, e unha xuntanza que se celebrará no Centro social do Salgueiral, tamén na parroquia de Bora. Estará presidida polo concelleiro responsable da área, Luís Bará.

En relación á visita, os integrantes do Consello Asesor coñecerán in situ o estado do conxunto cultural e natural da ponte sobre o Almofrei en Ponte Bora, para o que o concello encargou un proxecto de consolidación e restauración que está pendente de informes de Patrimonio e Augas de Galicia. Neste espazo de gran valor histórico e paisaxístico o concello desenvolve un proxecto no que participan as concellarías de medio ambiente e patrimonio histórico. Como parte deste proxecto xa se realizaron traballos de limpeza e desbroce da ponte e do seu contorno.

A visita a este espazo histórico e cultural está relacionada co programa sobre pontes históricas que o Concello de Pontevedra prevé desenvolver en 2012 e que contempla, entre outras, actuacións en Ponte Bora, na Ponte do Burgo, na Ponte do Couto ou en Ponte Sampaio.

No programa prevense actuacións diversas: estudo e investigación histórica, catalogación, restauración e consolidación, limpeza do contorno, divulgación, etc. Unha das pontes sobre as que se fará unha intervención máis ampla será a da Ponte do Couto sobre o río Tomeza-Gafos, unha das máis antigas do concello e lugar de paso de camiños históricos como a vía romana XIX ou co camiño xacobeo portugués. Tamén se realizará no 2012 un traballo completo de catalogación das pontes, pasos e pontellas de todo o termo municipal.

Os membros do Consello Asesor tamén serán informados dos proxectos que desenvolve a Comunidade de Montes do Salgueiral (Bora), nomeadamente a Aula de Interpretación do Almofrei. O presidente desta entidade, José Bravo, que tamén é vogal do Consello do Patrimonio, presentará as actuacións de recuperación e posta en valor do patrimonio cultural e natural do río Almofrei que se veñen desenvolvendo a partir de 2007 co obxectivo de recuperar e darlle valor ao río (Aula de Interpretación) e ao monte (Monte Vivo).


Plan do patrimonio do rural

Na xuntanza do Consello presentarase un borrador do Plan do Patrimonio do Rural de Pontevedra, un documento ao que poderán facer achegas por parte dos integrantes do Consello ata o 17 de xaneiro. A previsión é poder ter rematado o plan no mes de febreiro do ano que vén.

O documento inclúe os obxectivos sociais e histórico-culturais, os criterios de actuación xeral (consideración do patrimonio cultural e natural como un todo, participación social na xestión e promoción do patrimonio, priorización do uso e disfrute do patrimonio pola cidadanía) e  e 5 liñas estratéxicas:

Liña estratéxica 1. Desenvolvemento de plans e programas integrais sobre o patrimonio

Acción 1. Elaboración e desenvolvemento do plan do patrimonio rural.

Acción 2. Proxectos multidisciplinares.

Acción 3. Programa da memoria oral.

Acción 4. Programa da memoria gráfica e audiovisual.

 

Liña estratéxica 2. Catalogación e protección

Acción 1. Catálogo do PXOM

Acción 2. Catálogo do patrimonio etnográfico (arquitectura tradicional) 2012. Pontes, pasos, camiños, valados…

Acción 3. Patrimonio oral e inmaterial

Acción 4. Mapa de riscos do patrimonio municipal.

 

Liña estratéxica 3. Conservación e restauración

Actuacións inmediatas
Patrimonio arqueolóxico
Patrimonio arquitectónico
Espazos histórico-culturais

Actuacións a medio prazo
Patrimonio arqueolóxico
Patrimonio arquitectónico
Espazos histórico-culturais

 

Liña estratéxica 4. Programas de sensibilización e difusión.

Acción 1. Desenvolvemento de proxectos temáticos sobre a memoria colectiva, elementos do patrimonio e da paisaxe, manifestacións festivas, acontecementos históricos… 

Acción 2. Organización de xornadas temáticas sobre o patrimonio cultural e natural.

Acción 3. Organización de voluntariado relacionado coa custodia, protección e recuperaciónn do territorio, a paisaxe e o patrimonio cultural.

Acción 4. Creación dun espazo virtual de información e promoción do patrimonio cultural de Pontevedra e a súa área territorial.


Liña estratéxica 5. Aproveitamento socioeconómico do patrimonio.

Acción 1. Roteiros do patrimonio cultural e natural das parroquias.

Acción 2. Organización de eventos (conmemoracións, actos institucionais, xornadas de “portas abertas”, festas) centrados en elementos singulares do patrimonio, a historia e a paisaxe.

Acción 3. Festas do patrimonio cultural das parroquias

Acción 4. Proxectos e programas de dinamización económica arredor do patrimonio cultural e natural.

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará tamén informará que a seguinte xuntanza, prevista para o mes de febreiro celebrarase na Casa da Cultura de Santa María de Xeve, sede do proxecto Xeve de Memoria.