Antón Louro comprométese co xerente do CHOP a impulsar a apertura do aparcamento do Hospital Provincial

86

O aparcadoiro de superficie situado entre o Hospital Provincial, a rúa de Loureiro Crespo e a rúa da Historia será xestionado por algunha das asociacións que se dedican á reinserción social das persoas con discapacidade. Así llo anunciou hoxe o xerente de Xestión Integrada do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), José Manuel González, ao alcalde accidental e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro Goyanes.
O Concello e o CHOP están a negociar a sinatura dun acordo que faga posible esta fórmula e que, ao tempo, reduza ao máximo legal o importe das taxas municipais de apertura e primeira ocupación como fórmula para facer viable a explotación. Antón Louro anticipou que a súa colaboración, tendo en conta o carácter social, será total. O acordo incluirá tamén a cesión de uso de dúas prazas para vehículos municipais de emerxencias e servizos.
José Manuel González indicou que o tamaño do aparcamento non resolve as necesidades do persoal propio do CHOP, polo que se optou por darlle un enfoque cara a integración social de colectivos con especiais dificultades de inserción.
O aparcadoiro ten unha superficie de 1.397 metros cadrados e capacidade para 48 vehículos. Está dotado de barreiras de entrada e unha zona gratuíta para bicicletas. Antón Louro destaca que as obras serviron non só para configurar un aparcamento, senón para dignificar unha tira de terreo que ofrecía malas condicións. Ao tempo, serviron para tratar a medianeira lateral do Hospital Provincial. Finalmente, a configuración quedou lixeiramente modificada coa última ampliación dos quirófanos do Hospital Provincial.