O Campionato de España de Marcha celebrarase nun circuíto de 2 Km sobre as beiras do río Lérez

78

A cidade de Pontevedra acollerá o próximo domingo, 4 de marzo, o Campionato de España de Marcha, unha cita deportiva que traerá a unhas 500 persoas, das que preto de 300 serán os atletas participantes nas distintas probas. Ao tratarse de ano olímpico será a última proba clasificatoria para as Olimpiadas de Londres, polo que se agarda o máximo nivel deportivo.
O evento completa un comezo de ano espectacular na capital da provincia, que acollerá o torneo internacional de tenis junior ITF en xaneiro, o campionato de España de natación junior en febreiro e o campionato de España absoluto de marcha atlética en marzo. Todo elo, destaca o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, supón a demostración dunha aposta decidida polo deporte en canto que polo de dinamización social, pero tamén de xeración de riqueza económica e turística para a cidade.
Hoxe celebrouse unha xuntanza preparatoria, presidida polo concelleiro de Deportes e na que participaron técnicos municipais e Luis Saladie Lafuente, coordinador de Marcha de la Real Federación Española de Atletismo; Isidoro Hornillos Baz, Presidente de la Federación Galega de Atletismo, e Santiago Pérez Alonso, director Escola Galega de Marcha e Responsable de Marcha da Federación Galega.
Acordouse nomear un comité organizador, presidido por Agustín Fernández, e no que estarán presentes representantes das federacións española e galega. O comité queda tamén aberto á participación, se así o estiman apropiado, da Deputación Provincial e da Xunta de Galicia.
A xuntanza serviu tamén para pechar o circuíto de 2 Km sobre o que se disputará a proba, que foi cualificado como rápido e moi vistoso. Estará comprendido entre a ponte dos tirantes, rúa Rafael Areses, ponte de Santiago e completarase pola avenida de Buenos Aires. Trátase de recoller o espírito dos circuítos do triatlón e da media maratón de Pontevedra, xa asociados en Pontevedra ás grandes citas deportivas, polo que agárdase unha afluencia masiva de público. Ademais, destacouse que vai permitir un contacto visual cos atletas case permanente, algo insólito neste tipo de probas. Finalmente, valorouse a proximidade do Estadio da Xuventude e do pavillón universitario, que ofrecen posibilidades loxísticas adicionais.
Agustín Fernández destacou que a proba non vai supor un impacto importante sobre o tráfico, ao celebrarse un domingo pola mañá. Nas dúas pontes afectadas manterase un carril para a circulación, dado que a proba ocupará dous carrís e un terceiro quedará para servizos e seguridade.
Isidoro Hornillos explicou que o horario comezará ás 9 horas coa saída dos 50 Km masculinos en categoría absoluta. Ás 9.10 horas, saída da categoría junior e xuvenil masculina (10 Km). Ás 10.15 horas, saen os homes en categorías promesa e veteranos (20 Km). Ás 11.15 horas será o momento das mulleres en categorías absoluta e promesa (20 Km). Ás 12 saen as mulleres júnior, xuvenil e veteranas (10 Km). Ás 13 horas tócalle aos cadetes feminino (5Km). Finalmente, media hora máis tarde parten os cadetes masculinos (5Km).
Hornillos aclarou que as competicións nas distintas  categorías vanse superpoñendo sobre o mesmo circuíto. Segundo as categorías hai que dar 25, 10, 5 ou 2,5 voltas ao percorrido deseñado. Así está previsto que a proba masculina absoluta dure en torno a 3,40 horas, polo que o gañador entrará na meta sobre as 12.40 horas da mañá. Pouco despois farao a campioa feminina.
A proba será unha oportunidade magnífica para contemplar en acción aos mellores marchadores españois encabezados por María Basco, Jesús Ángel García Bragado e, moi posiblemente, Paquillo Fernández, quen voltaría así á competición.
En canto aos atletas galegos e locais, destacan as posibilidades de medalla dos catro equipos galegos masculino e feminino en categorías cadete e xuvenil-junior. A nivel individual haberá que estar moi atentos á atleta absoluta Eva María Iglesias, ao junior Francisco Durán, ao cadete Daniel Chamosa, á promesa Samantha Mulloni, á junior Rocío Carbia, ás cadetes Carmen Escariz e Carmen Fuentes e, finalmente, á xuvenil Mar Chillón. Un competitivo grupo que, na súa totalidade reside ou adestra en Pontevedra, e que conta con serias opcións.