“Reconstruír decembro”, mesa redonda co “Relato dunha experiencia”

69

A Concellaría de Benestar Social Municipal continúa esta semana coa súa programación de “Reconstruír decembro. Arteterapia para superar momentos chungos” que pretende dar a coñecer á sociedade pontevedresa o traballo que se desenvolven no Taller de Deseño e Produción do Centro de Día do Plan de Condutas Aditivas.

Este mércores, 21 de decembro, a Casa das Campás acollerá unha mesa redonda que leva por título “I+D S.S. Relato dunha experiencia” na que participarán Teresa Gutiérrez Manjón, pedagoga social e profesora da Facultade de Educación da Universidade de Vigo; Erundina Louro Justo, orientadora laboral no Servizo Público de Emprego; Ángeles Penedo Pita, traballadora social da UAD (Unidade de Asistencia de Drogodependencias) e Ana González Quinteiro, educadora social do Plan Municipal de Condutas Aditivas. Esta cita será ás 10.00 horas.

A programación de “Reconstruír decembro” clausurarase co peche da exposición dos traballos do Taller que aínda se poden ver na Sala Sargadelos. O acto de clausura consistirá na entrega das Lámpadas ás Asociacións de veciños da cidade para cada unha das Casas da Cultura do municipio. Será o xoves, 29 de decembro, ás 20.00 horas en Sargadelos.

“Reconstruír decembro” comezou o pasado 2 de decembro coa inauguración da exposición das obras realizadas polas persoas que integran o Taller de Deseño e Producción, e que están saíndo de situacións extremas, como dalgunha adicción. Esta mostra está en Sargadelos ata finais de mes.

O pasado venres, a propia Galería Sargadelos acolleu un almorzo de traballo coas entidades Galup, Alcoólicos rehabilitados e Rexurdir na que se analizou a situación que viven estas persoas e a casuística de Pontevedra. E tamén se realizou un obradoiro vivencial de arteterapia “Arte e condutas aditivas” que se impartiu na Casa Azul para 20 persoas especialistas neste eido dos servizos sociais.