Pontevedra pecha o Ano Pintos

103

A Concellaría de Normalización Lingüística clausurou esta fin de semana o Ano Xoán Manuel Pintos, cunha homenaxe popular no barrio do Burgo, onde naceu o ilustre pontevedrés.

Os actos consistiron no descubrimento dunha placa conmemorativa na rúa da Santiña e nunha homenaxe popular na rúa Manuel Murguía, onde se fixo unha alfombra floral e onde actuaron as corais da Asociación Sociocultural do Burgo e a Polifónica de Sobradelo, ademais da lectura de textos de Xoán Manuel Pintos.

Demetrio Gómez, concelleiro de Normalización Lingüística, lembrou que o Ano Pintos comezou cun acto institucional consistente nunha sesión plenaria da Real Academia Galega en Pontevedra e completouse cunhas Xornadas de normalización, un novo roteiro: o roteiro Pintos, que está sendo moi demandado, que ía complementado cunha publicación; o Congreso Pintos, o Premio Xoán Manuel Pintos que este ano recaeu na Aula Castelao de Filosofía e na Coordinadora dos Equipos de Normalización. E rematou neste mes de Nadal con este peche oficial e institucional no barrio no que naceu o ilustre pontevedrés.

“Co Ano Pintos conseguimos que os obxectivos estean en marcha: poñer a figura de Pintos en valor e reflexionar sobre a necesidade da normalización do galego, polo tanto temos que seguir traballando seguindo o exemplo de Pintos”, asegurou o concelleiro.