A campaña “Sinte o Nadal” atrae a preto de 5.550 persoas só na primeira fin de semana

78

A primeira fin de semana do programa de dinamización comercial “Sinte o Nadal”, organizado pola Concellería de Promoción Económica, pechou cunhas cifras de afluencia absolutamente espectaculares. Un total de 5.452 tiques de entrada foron despachados na caseta da praza de España. A cifra supón un incremento dun 42% sobre os  datos rexistrados o ano anterior co seu precedente: o programa “Nadal Snow”, celebrado daquela na praza da Ferrería.
A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román García, subliña o éxito desta iniciativa, que se confirma como unha boa forma de animar as compras de Nadal e xerar movemento de público no centro da cidade. A responsable municipal destaca que o importe dos tiques de compra canxeados polos tiques de acceso ao recinto festivo da praza de España ascendeu a 91.206 euros, o que tamén supón unha suba moi significativa (un 4447% máis) con respecto ao ano pasado, cando o importe dos tiques foi de 20.361 euros.
A carpa-iglú de multiactividades e o tiovivo están a rexistrar un forte “tirón”, por diante do “trineo” do comercio, e constitúen os principais atractivos do programa deseñado pola Concellería de Promoción Económica e que conta co apoio de Aempe, AJE e Centro Comercial Urbano Zona Monumental.
Carlota Román entende que este  tipo de iniciativas deben contar co impulso das administracións. Ao involucrarse directamente o Concello na promoción da actividade comercial, especialmente nun momento no que os comerciantes precisan de todo o apoio posible, contribúese a loitar contra unhas expectativas de ventas que son desfavorables. Gratificar e recompensar o acto da compra debe ser unha liña de traballo estable nas políticas públicas mentres persista a crise económica, continúa a concelleira. Por este motivo, a Concellería de Promoción Económica porá en marcha novas actividades a desenvolver ao longo do ano 2012.
“Sinte o Nadal” abre as súas portas ata o próximo 4 de xaneiro. O horario é de 11.00 a 14.00 da mañá e de 17.00 a 20.00 da tarde. Horario especial os días 24 e 31 só de mañá, e 25 e 1 de xaneiro só de tarde. Para acceder ás zonas lúdicas das prazas de España e de Curros Enríquez é necesario presentar un tique de compra en calquera dos establecementos comerciais da cidade e canxealo polo tique de acceso ás atraccións.